De continuar esta situación ou de non recibir resposta, o PP de Cervantes non descarta adoptar outras medidas para defender os dereitos de participación política e o correcto funcionamento do Concello.
O portavoz do PP de Cervantes, Óscar Fernández, vén de rexistrar unha solicitude formal no Concello para esixir “que o goberno local cumpra coa súa obriga de convocar os plenos ordinarios coa periodicidade acordada” porque “xa nos temos dirixido ao alcalde e ao goberno local en diversas ocasións sen recibir ningún tipo de explicación”.
Desde o PP local denuncian que o goberno municipal leva máis de 3 meses sen convocar ningún pleno ordinario porque o último pleno celebrado tivo lugar o pasado 14 de xaneiro de 2026. Tendo en conta, ademais, que esta sesión se correspondía co pleno ordinario do mes de decembro que foi adiado por coincidir o 31, día de fin de ano, “o Concello aínda non celebrou este ano ningún pleno ordinario correspondente ao ano 2026”.
O popular lembra que os plenos son o principal espazo de control ao goberno local e tamén o lugar onde se debaten e defenden os asuntos que afectan aos veciños e veciñas polo que “non convocalos non é só unha cuestión formal, senón dun problema serio de funcionamento democrático”.
E engade que “o goberno local socialista está incumprindo a súa obriga e impedindo que a oposición poida desenvolver con normalidade o seu labor” porque “así é imposible facer seguimento da xestión do goberno municipal, presentar propostas ou trasladar ao pleno as preocupacións dos veciños e veciñas”, apunta.
Na solicitude rexistrada, Óscar Fernández pide que se adopten de inmediato as medidas necesarias para recuperar a normalidade institucional, garantindo que non transcorran máis de dous meses entre sesións, tal e como foi establecido. Ademais, reclama que, ao terse superado xa ese prazo, se proceda á convocatoria urxente dun pleno ordinario.
O portavoz popular tamén solicita unha resposta expresa por parte do goberno local, aclarando os motivos polos que non se está a cumprir o réxime de funcionamento dos plenos.
Desde o PP de Cervantes advirten que, de continuar esta situación ou de non recibir resposta, non descartan adoptar outras medidas, como elevar a queixa á Valedora do Pobo, para defender os dereitos de participación política e o correcto funcionamento do Concello.