Os senadores consideran “clave” as infraestruturas para contribuír a mellorar a operatividade do servizo, optimizar os tempos de resposta e reforzar a atención dos veciños da Terra Chá.
Os senadores do PP por Lugo –José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- levan á Cámara Alta unha iniciativa a petición do PP de Vilalba para instar ao Goberno de Sánchez, dende a Comisión de Interior, a cumprir o compromiso adquirido no 2020 para a construción dun novo cuartel da Garda Civil na localidade.
Nese momento, o Executivo anunciaba un investimento de 2,8M€; pero os populares piden garantir a dotación orzamentaria que sexa necesaria para a súa execución. Tamén solicitan informar do estado de tramitación do proxecto e facer públicos os prazos definidos para a redacción, licitación e execución das obras. Así mesmo, esixirán adoptar as medidas necesarias para desbloquear calquera incidencia que teña provocado o atraso acumulado e garantir que as novas instalacións respondan ás necesidades actuais “mellorando as condicións de traballo dos axentes e a calidade do servizo prestado á cidadanía”.
Os populares lembran que “transcorridos 5 anos do anuncio, o compromiso non se chegou a materializar”. É máis, ante as preguntas dos senadores, “o Goberno de Sánchez nin ofreceu información pública sobre o estado do proxecto, nin un calendario concreto para a súa execución nin confirmou o mantemento do investimento previsto”.
A falta de avances nunha infraestrutura considerada estratéxica para a seguridade na comarca evidencia a necesidade de adoptar medidas para desbloquear a situación e garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos. Polo que os populares, atendendo a unha demanda social e profesional, esixen ao Goberno de España concretar de forma inmediata o estado do proxecto, establecer un calendario de execución e proceder á licitación e construción do novo cuartel da Garda Civil en Vilalba.
SERVIZO ESENCIAL EN TERRITORIOS RURAIS
Os senadores do PP aseguran que “a Garda Civil desempeña unha función esencial na garantía da seguridade cidadá, especialmente en territorios rurais como A Terra Chá, con gran extensión xeográfica e dispersión poboacional”.
Nese sentido, consideran “clave” as infraestruturas porque contribúen a mellorar a operatividade do servizo, optimizar os tempos de resposta e reforzar a atención dos veciños. E engaden que “a mellora das instalacións redunda nas condicións laborais e de benestar dos axentes destinados no cuartel”.