Probouse con eficacia o sistema Es-Alert a través do cal todos os que se atopaban nos concellos limítrofes ao escenario do simulacro recibiron unha mensaxe nos seus móbiles que lles informou da activación do Plan de Emerxencia Exterior A Grela-Bens.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiron ao simulacro coordinado pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos da Coruña e Arteixo e coa empresa Repsol Butano.
O obxectivo do exercicio foi comprobar os procedementos de activación, mobilización e constitución dos diferentes grupos operativos e centros de coordinación, mando e control establecidos no Plan de Emerxencia Exterior (PEE) A Grela-Bens coa finalidade de optimizar a coordinación de todos os medios e recursos que terían que intervir en caso de accidente que requira a activación do plan nas empresas desta zona, garantindo a debida protección á poboación, os bens e o medio ambiente do entorno.
A sinal de alarma soou arredor das 10,40 horas coa simulación dun accidente nas instalacións de Repsol Butano que obrigou a activar o Plan de Emerxencia Exterior da Grela-Bens. O escenario accidental simulado para realizar o exercicio consistiu nun fallo mecánico nunha cisterna cargada de propano que provocou un incendio na dita cisterna que alcanzou rápidamente o depósito de gasoil, os neumáticos e a cabina. De inmediato actívase o plan de autoprotección da planta con medios propios. Durante os labores de refrixeración do vehículo, lesionáronse dúas persoas por perdida de control na mangueira de auga que se atopaba a 16 Kg de presión. Unha das persoas sufre un golpe e a outra persoa queimaduras. Posteriormente simúlase a necesidade de reforzó con medios externos e por iso actívase o Plan de Emerxencia Exterior A Grela-Bens para apoiar nas tarefas de extinción e refrixeración; así como asistencia sanitaria para o persoal ferido.
Como suceso adicional, en paralelo, créase un escenario no que produciuse un accidente de tráfico cun elevado número de feridos de diversa consideración nas inmediacións. Este segundo exercicio tivo como finalidade practicar a coordinación de medios sanitarios e as actuacións de triaxe e atención inicial en sucesos de múltiples vítimas.
No simulacro, segundo informou a delegada territorial, participaron a dirección xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), persoal da Xunta de Galicia de diversos departamentos (Industria, Medio Ambiente e Sanidade), Delegación do Goberno en Galicia, persoal e medios das empresas incluídas no PEE A Grela – Bens, urxencias sanitarias 061, Cruz Vermella, Centro Integrado de Atención ás Emerxencias CIAE-112, bombeiros da Coruña, Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento da Coruña, Policía Nacional, Garda Civil, Policía Autonómica, Policías Locais da Coruña e Arteixo e agrupacións de voluntarios de Protección Civil dos concellos da Coruña e Arteixo. A representante do Goberno autonómico agradeceu a todos os participantes o seu traballo e aos medios de comunicación a súa colaboración para difundir entre a poboación a posta en marcha deste simulacro.
O sistema ES-Alert
Un dos obxectivos do exercicio foi probar e dar a coñecer á cidadanía o sistema ES-Alert, que permite á Xunta enviar mensaxes instantáneas de alerta a través do 112 Galicia. Deste xeito, co obxectio de que a poboación se familiarice con este sistema activouse nun área moito máis ampla ca realmente afectada por calquera dos accidentes que se poden producir nas instalacións afectadas por Plan de Emerxencias Exterior A Grela Bens.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, sinalou que esta ferramenta demostra “a importancia das novas tecnoloxías ao servizo das emerxencias” e explicou que nunha situación de emerxencia real, o Es-Alert permitiría “avisar á poboación e informarlle das instrucións e protocolos sobre como actuar”. Nesta liña, destacou a necesidade de “seguir traballando e apostando pola prevención para estar sempre preparados ante calquera incidencia”.
No caso do simulacro de hoxe, a mensaxe sinalou que se trataba unicamente dunha proba. Logo de lelo, as persoas que o recibiron tiveron que premer en ‘Aceptar’ sen realizar acción adicional algunha. A mensaxe activou un asubío continuo e fixo vibrar os teléfonos móbiles, mesmo se estaban en modo silencioso ou bloqueados.
A delegada da Xunta, Belén do Campo, destacou que a proba do sistema ES-Alert se levou a cabo segundo o previsto xa que as mensaxes chegaron aos dous concellos afectados, A Coruña e Arteixo, e as zonas dos municipios limítrofes. Esta é unha ferramenta clave de Protección Civil para alertar á poboación de xeito masivo mediante o envío dunha mensaxe indiscriminada a todos os móbiles en caso de emerxencia.
A disposición desta ferramenta, que se integra na Rede de Alerta Nacional do Ministerio do Interior, supón un importante avance no ámbito da protección civil, pois reforza unha comunicación oficial, directa e inmediata entre as autoridades e as persoas potencialmente afectadas por unha emerxencia ou catástrofe. Ao mesmo tempo, e como xa ocorreu noutros simulacros anteriores, activouse un sistema de sirenas que instaría á veciñanza do entorno máis próximo a adoptar determinadas medidas de autoprotección en caso de emerxencia real.
Política de prevención
Belén do Campo sinalou que a Xunta aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, nesta liña se enmarcan os Plans de Emerxencia Exterior elaborados polo Goberno galego (PEE).
O obxectivo dun PEE é determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente que poida exceder fora das instalacións industriais e que poida afectar as persoas, aos bens e ao medio ambiente, establecéndose as medidas de protección necesarias coa mobilización dos recursos humanos precisos na intervención. A realización dos simulacros, permite a efectiva implantación dos plans e a súa mellora a través das experiencias obtidas no seu desenvolvemento.
Neste senso, a delegada incidiu en que na actuación en emerxencias é imprescindible a coordinación e a comunicación constante entre os servizos implicados e que persoas que se poidan ver prexudicadas estean informadas saiban que recomendacións deben seguir.
Por iso, a Xunta terá en conta as conclusión deste simulacro de cara a revisión do Plan de Emerxencia Exterior A Grela-Bens, vixentes desde o 2021, na que se examinará a identificación de riscos, a zonificación de áreas de intervención, medidas de prevención para reducir a probabilidade de accidentes, protocolos para avisar á poboación, evacuala e ofrecer asistencia se fose necesario, así como información á cidadanía aplicando por exemplo o sistema Es-Alert.
Repsol Butano
A factoría de Butano de Repsol na Coruña é unha planta de almacenamento de GLP (butano, propano e as súas mesturas) na que traballan preto de 30 profesionais que contan con experiencia e formación tanto en seguridade como na operación das instalacións. A súa actividade céntrase principalmente no envasado de produto a bombonas para o consumo en fogares, hostalería e negocios; así como a trasfega entre os depósitos de almacenamento e os medios de transporte para a distribución.
Exercicios de seguridade como o de hoxe atópanse dentro das prácticas habituais que a factoría realiza anualmente dentro da súa Política de Seguridade, ten como obxecto ser un adestramento de todo o persoal para comprobar a eficacia da estrutura organizativa e dos medios de emerxencias, así como a coordinación co Plan de Emerxencia Exterior.
A factoría conta cun sistema de xestión de emerxencias automatizado e manual. A dotación de equipos de seguridade fixos e móbiles do centro inclúe en grandes cifras: almacenamento de 8.000 m3 de auga con 7 motobombas e 2 electrobombas que manteñen a presión da rede; 6 cortinas de auga fixas que permiten illar os distintos sectores da planta; preto de 150 extintores de distintas tipoloxías e unha rede de contraincendios con 23 hidrantes, 15 monitores de auga e 60 mangueiras con 40 lanzas contraincendios.