‘Os espazos en branco’, o debut cinematográfico de Bruno Arias, chega ás salas o próximo 6 de novembro

por Redacción Galicia

O filme foi galardoado co Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental o pasado mes de marzo

A poucos días de cumprirse un ano dende que a súa estrea na 37 edición do Festival Cineuropa esgotase as entradas no Salón Teatro de Santiago de Compostela, o debut como director de Bruno Arias (Vigo, 1998) chega a salas de cine de todas as provincias galegas. 

O próximo mércores 6 de novembro ás 19:55h é a data sinalada para que a película chegue á súa primeira proxección en cines. A anfritrioa do evento será a sala compostelá NUMAX, que acollerá un coloquio con parte do equipo: ademais do director, asistirá tamén a coguionista Lucía Ramiro, recente representante de España no Programa de Talento Novo dos Premios LUX que tivo lugar no Parlamento Europeo o pasado mes de setembro.

Posteriormente e durante todo o mes de novembro, o filme viaxará polos concellos galegos de Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol, Cee, Ames e Pontevedra. As máis das proxeccións contarán coa presenza do director e doutras figuras: o produtor Álvaro Liste, a directora de arte Antía Carreira ou a poeta Arancha Nogueira son algúns dos nomes que acompañarán o autor en coloquios e conversas. A información detallada sobre o calendario de proxeccións está dispoñible nas redes sociais do proxecto.

A película, producida por Serea Films, reflexiona empregando como vehículo a figura de Xela Arias, tía do director que faleceu cando este tiña só cinco anos, sobre como as persoas que nos inspiran e que admiramos contribúen á construción do noso xeito de ser. Da mesma forma, explora como o feito de reconstruír nós mesmas esas figuras é un proceso que nos achega a elas afastándoas da súa condición de figura pública e achegándonos á súa faceta máis persoal. No filme, testemuños de familiares e amigas comparten espazo cun traballo interpretativo das actrices Lidia Veiga, Sheyla Fariña e Melania Cruz que acompaña ás espectadoras por un relato sobre a ausencia e a memoria.

Ademais de ser a primeira longametraxe do seu director, tamén supón a estrea dunha equipa que, no momento da rodaxe, estaba recentemente graduada, case na súa maioría, en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela e que, malia a súa curta traxectoria, demostrou unha grande profesionalidade que lle valeu á película o Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental na XXII edición dos galardóns o pasado 23 de marzo. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario