O PP de Pol pregunta a Lino Rodríguez “que ten que ocultar” para negarse a dar acceso ao expediente da compra do autobús

por Redacción Lugo

Nicole Grueira pon en dúbida os números feitos públicos por Lino Rodríguez sobre a compra do autobús: «se non ten nada que agochar tería dado o acceso ao día seguinte de pedir a documentación, pero todo apunta a que os números dos que presumiu non son reais»

“Que agocha o alcalde de Pol?”. Isto é o que se pregunta a voceira popular, Nicole Grueira, despois de ver como Lino Rodríguez négase a poñer a disposición dos concelleiros populares o expediente da compra do bus.

Nicole Grueira recorda que solicitaron acceso a toda a documentación hai máis dunha semana, pero que “unha vez pasado o prazo legal de 5 días non recibimos ningún tipo de notificación nin de documentación”.

Neste senso, Grueira pregunta ao alcalde “se ten algo que agochar” e, chegados a este punto, “dubida seriamente de que todo o anunciado por Lino Rodríguez sexa verdade”. “Sobre todo dubidamos de que os números dos que presumiu o alcalde sexan verdade e moito nos tememos de que a compra do autobús sexa máis cara do anunciado”, explicou.

A voceira popular recorda “o enorme malestar” que hai no municipio por esta operación realizada polo alcalde xa que “hai necesidades moito máis urxentes que un autobús, como asegurar todos os meses o pago das nóminas aos funcionarios e aos provedores, así como arranxar os camiños e pistas municipais”.

Todo apunta a que Lino Rodríguez realizou a compra deste bus porque “debido aos impagos a provedores ningunha empresa de transporte quere traballar xa co Concello de Pol”.

Pese a todo, Nicole Grueira sostén que “estamos ante un novo malgasto” por parte do alcalde que “pode presumir de sumir a Pol na bancarrota, tendo que ser rescatado pola Deputación de Lugo ao non ter cartos para pagar as nóminas dos traballadores, nin dos provedores nin para pagar o combustible e os seguros dos vehículos, cunha débeda de case 3M€”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario