Fillas de Breogán gañan o Paneuropeo de fútbol gaélico de Lyon

por Jorge García

É a segunda vez que acadan este importante trofeo internacional.

O equipo feminino de fútbol gaélico da Coruña, Fillas de Breogán, alzou o trofeo do Torneo Paneuropeo de fútbol gaélico que se celebrou en Lyon (Francia) o pasado sábado 19 de outubro.


Na categoría Intermediate participaron oito equipos divididos en dous grupos, estando as coruñesas emparelladas con Brest, Nantes e Clermont, todos eles do país anfitrión. Tras impoñerse folgadamente a Brest (17-4) e unha axustada derrota ante Nantes (10-13), acadaron a segunda posición do grupo logo de vencer a Clermont (11-4). Fillas de Breogán derrotaron na semifinal a Copenhague (10-8), habitual finalista deste torneo, e volvéronse enfrontar con Nantes na final. As coruñesas desta vez foron quen de impoñerse ás francesas (10-8), habituais gañadoras deste torneo nas súas últimas edicións.


O Torneo Paneuropeo é o campionato de clubs de fútbol gaélico máis importante a nivel europeo. Fillas de Breogán participaron na categoría Intermediate, que sería equivalente á Europa League no fútbol inglés. O formato da competición consistía nunha fase de grupos na que os dous primeiros equipos clasificados disputaban unha semifinal e os vencedores destas semifinais cualificaban para a final.


Esta é a segunda ocasión na que Fillas de Breogán gañan o Torneo Paneuropeo trala vitoria en Viena en 2019.


ACERCA DE A CORUÑA FILLOS DE BREOGÁN


A Coruña Fillos de Breogán é o primeiro club de fútbol gaélico de Galicia, fundado no ano 2010. O club disputa tanto as competicións galegas coma o Campionato Ibérico e o Torneo Paneuropeo. Os seus encontros como local celébranse na Cidade deportiva Arsenio Iglesias da Coruña.


O club dispón de seccións feminina, masculina e, desde o ano 2023, de veteranos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario