Esquerda Unida entende que os Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro 2025 continúan primando a redución de impostos ás rendas máis altas e o pago de débeda fronte ás necesidades sociais existentes.
No vindeiro exercicio de 2025 a Xunta de Galicia propón un incremento dun 16% do orzamento adicado a pagar débeda pública, débeda que ascende xa a máis de 1.763 millóns de euros. Para Esquerda Unida resulta alarmante que o Goberno da Xunta teña rexeitado unha posible quita da débeda que a Comunidade mantén co Goberno Central cando nestes momentos propón un alza no orzamento adicado ao pago da mesma. En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida: “ É incomprensible que o mesmo Partido Popular que afirma non estar interesado nunha quita da débeda pública teña agora que incrementar o orzamento para pagala. Uns recursos que serían moi necesarios en vivenda e servizos esenciais coma a sanidade.”
Por outra parte, Esquerda Unida pon o aceno na perda de recursos que supón que a Xunta de Galicia continúe mantendo recortes fiscais para rendas altas, como os descontos nos impostos de Patrimonio, Sucesións e Doazóns. Esas rebaixas fiscais supoñen que Galicia deixe de ingresar 455 millóns de euros neste 2025. “A realidade é que se existe un incremento da recadación é pola vía dos impostos do Estado. Non é coherente que a Xunta continúe baixando impostos aos patrimonios e rendas altas, cando esixe máis e mellor financiamento do Goberno Central”, sinala Solla.
Esquerda Unida apunta que, mentres a Xunta deixa de ingresar 455 millóns e incrementa o pago da débeda pública, partidas adicadas a necesidades e servizos sociais son insuficientes e acumulan baixadas continuadas se temos en conta a inflación. Emprego ou vivenda son elementos chave para abordar as taxas de pobreza de galegas e galegos, que non obstante acumulan recortes orzamentarios de máis dun 20% e 26% respectivamente desde a chegada do Partido Popular ao poder.
Esquerda Unida entende que tanto en materia de emprego, coma de vivenda, así coma de servizos sociais e sanidade, os orzamentos son absolutamente insuficientes para facer fronte á fenda de pobreza e ao incremento da dependencia no noso país, obedecendo ao ideario do Partido Popular en troques de ofrecer solucións ás necesidades sociais galegas.