O PSdeG advirte que para acadar un pacto pola lingua é imprescindible o consenso social 

por 21 Noticias

A portavoz de Cultura e Lingua do Grupo Socialista no Parlamento galego, Silvia Longueira, avanzou hoxe que o PSdeG vén de demandarlle á Xunta a inclusión de entidades e colectivos en calquera proceso de negociación política que teña que ver co idioma.

“É fundamental, tal como Lara Méndez deixou moi claro nesta reunión, acadar un consenso social”, declarou, en referencia ao pacto pola lingua que propón a Xunta, logo de reunirse, xunto coa viceportavoz socialista, co conselleiro de Cultura e o secretario xeral de Política Lingüística esta tarde na Cámara autonómica.

Longueira lembrou que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, vén insistindo na necesidade de chegar a un acordo amplo sobre o galego, xa dende moito antes de que se coñeceran os resultados da enquisa oficial que sinala un grave descenso de falantes, ata situalo como segundo idioma en canto ao seu uso.

“Queremos que ese pacto resolva unha situación que para nós, e supoño que para todos os que senten a cultura galega, é doloroso”, dixo sobre o momento crítico ao que se chegou tras “a ruptura do consenso no ano 2009”. “Agora temos a oportunidade de restituír esa ruptura e darlle un novo impulso á lingua, e aí estaremos os socialistas”, engadiu.

Nese camiño “é fundamental modificar a normativa”, afirmou, como tamén “dotar de recursos” as medidas que se poñan en marcha para recuperar os niveis de emprego do galego. O obxectivo, explicou, é que, se se chega a un entendemento, “sexa para sempre, que non se xogue outra vez coa lingua, que non teñamos que facer dela de novo unha cuestión política”.

En canto ás posicións de partida dos diferentes grupos políticos, Silvia Longueira fixou así a dos socialistas: “Nós non poñemos liñas vermellas. O que queremos e ver o plan de traballo e como ese plan vai modificar esta situación”. Ambas deputadas destacaron, nese senso, todos os que pretendan marcar liñas vermellas demostran que non teñen intención de chegar a acordos. “Queremos contribuír a resolver problemas que non creamos nós”, concluíu Longueira.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario