Os betanceiros intentarán dar a sorpresa perante o Perfumerías Avenida-Xoborg Tormes
Terceira xornada da Tercera FEB Grupo AB e primeira viaxe do Santo Domingo Betanzos fóra de Galicia. E o rival, non é un rival calquera; malia contar cun inicio de liga que suma dúas derrotas en dous partidos (1-1 os de Betanzos) os números do Perfumerías Avenidas son completamente enganosos, xa que o equipo salmantino, que disputou o ascenso a Leb Plata o ano pasado, é un equipo que mantén un roster de altura que só saíu derrotado por 7 puntos fronte a Ávila e por 3 fronte a Círculo Gijón (tras 2 prórrogas), equipos chamados a estar arriba.
O equipo de Doc terá que dalo todo para poder competir contra un equipo que suma xente da calidade do nixeriano Akinwole ou o estadounidense Kyle Robert Cardaci, sen esquecer “veteranos” na categoría coma Hetor Mensha ou Mc Carthy Santos. Así o ve o partido o adestrador betanceiro: “É un rival con bos tiradores e con varios xogadores cun moi bo 1 contra 1. As súas dúas derrotas previas fan deles un rival máis perigoso, se cabe, dado que son candidatos a xogar a fase de ascenso. As nosas posibilidades de vitoria pasan por manter un alto nivel defensivo e algo máis de acerto cara ao aro ca nos últimos partidos”.
O encontro terá lugar no Pabellón Municipal Würzburg, de Salamanca, o sábado ás 17h, e poderá ser seguido en directo polo canal de Youtube do equipo local.
Estrea do minibásquet
Polo demais, nunha nutrida xornada para os equipos filiais e de canteira do Santo (con desprazamentos a Santiago do equipo de 2ª Autonómica e a Lugo do J. Caamaño Arquitecto de 1ª Infantil), a fin de semana do 26-27 de outubro trae a estrea dos equipos minibásquet do club. Así, o alevín feminino de Dani Suárez Interiores xoga no pavillón de Arteixo o sábado ás 11 horas contra Compañía de María e o masculino repite escenario pero fronte aos titulares da instalación ás 12. Os benxamíns de premini terán que esperar aínda un par de semanas para pórse andar.
Outros partidos interesantes do Santo son o do sénior feminino Grelo Santo Domingo contra Kempape, o das júnior de Infor-B contra Baxi Ferrol ou o das rapazas de Decornaveira contra Basket Xiria en Carballo. Pola que toca aos equipos masculinos, destaca o partido do Grelo Santo Domingo cadete contra Basquet Coruña, no que está en xogo o liderado do grupo (sábado 18h no Carregal, futuro “pavilllón municipal José María Valeiro Iglesias Tocayo”).