.- A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que proporá o nomeamento de Ramón Núñez Centella fillo predilecto da cidade como impulsor da Rede de Museos Científicos Coruñeses: “Ramón é unha peza clave na historia da Coruña e na súa consolidación como a cidade de ciencia e tecnoloxía que é” sinalou a alcaldesa.
Rey avanzou que elevará o asunto á Comisión de Honras e Distincións “á maior brevidade” para a súa aprobación e posterior ratificación polo Pleno Municipal, seguindo o procedemento administrativo preciso para facelo efectivo. “Gustaríame que esa homenaxe fora o próximo ano, coincidindo co 40 aniversario da Casa das Ciencias, o primeiro dos tres museos científicos e polo tanto xerme da rede” explicou.
Ramón Núñez é divulgador científico que dedicou toda a súa vida ó ensino das ciencias, formando parte de campañas e programas de carácter nacional e internacional. No ano 1983 foi nomeado director do Servizo Municipal de Educación no Concello da Coruña, posto dende o que ideou o proxecto dos Museos Científicos Coruñeses.
Deseñou a Casa das Ciencias, o primeiro dos museos inaugurado no 1985 baixo a súa dirección. Posteriormente tamén dirixiu a Domus e o Aquarium Finisterrae, inaugurados en 1995 e 1999, e participou no deseño museolóxico doutros centros e museos científicos en España. No 2008 pasou a dirixir o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía localizado na Coruña, posto que ocupou ate o 2013. Ademais, foi recoñecido polo CSIC co Premio Nacional de Periodismo Científico.