Os pequenos concellos contratan a 178 profesionais dos servizos sociais e financian 400.000 horas de servizo de Axuda no Fogar grazas ao apoio económico da Deputación.
A deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e a vicepresidenta do Consorcio das Mariñas e alcaldesa de Betanzos, María Barral, inauguraron esta mañá no Pazo de Mariñán o XI Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, unha unha xornada dirixida a técnicos e responsables políticos da área Servizos Sociais dos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas.
Neira destacou o compromiso do goberno provincial co mantemento dos servizos sociais municipais “os máis cercanos á cidadanía, os que cada día reciben e resolven centos de problemas que afectan ás persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles”.
“Somos conscientes da dificultade e o gran esforzo que supón para un concello pequeno contar con profesionais especialistas no ámbito social, por iso nos últimos anos incrementamos a dotación económica do programa de Servizos Sociais Comunitarios, que pasou de 4 a 9,1 millóns de euros, permitindo que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña podan contratar persoal administrativo, técnico ou de axuda a domicilio”, afirmou a deputada, que destacou que esta cantidade económica permite contratar este ano a 178 profesionais da área social nos municipios e financiar 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Estes profesionais prestan atención e servizo cada día a milleiros persoas con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a diversos colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres maltratadas, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade, explicou a deputada.
Neira destacou que, para o Goberno provincial, a área social é “unha prioridade” e citou outros programas da Deputación que contribúen a apoiar ás persoas que máis o necesitan coma a Teleasistencia, que chega a máis de 4.000 persoas maiores na provincia, ou as liñas de axudas para entidades sociais que chegan a 273 asociacións da provincia.
Durante a xornada de hoxe, uns 80 técnicos/as e concelleiros/as de Servizos Sociais dos concellos dos municipios do Consorcio das Mariñas (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros, Culleredo e Sada) formaranse e debateran sobre aspectos relacionados co seu labor diario e analizarán os retos de cara ao futuro no ámbito dos servizos sociais.