Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- esixen ao Goberno de Pedro Sánchez “seriedade” e “respecto aos lucenses” e que “concrete con previsións e prazos concretos” o anuncio que fixo o ministro Puente na súa recente visita a Lugo de dotar á cidade de lanzadeiras ferroviarias para conectarse con Ourense a unha velocidade de 200km/h.
Os populares cren que “este anuncio non é crible. É un brinde ao sol”, segundo manifestou Barreiro, portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, dado que “non deu ningún tipo de explicacións do proxecto nin prazos para a posta a marcha deste servizo”.
O senador lucense aclara que “200 km/h non é alta velocidade”; pero “o que é peor”, coas actuais obras de modernización da liña Ourense-Monforte-Lugo, sen corrixir o trazado, “non se poderán alcanzar velocidades máximas superiores aos 160 km/h”.
VARIANTES IMPRESCINDIBLES PARA A ALTA VELOCIDADE
Os senadores tamén preguntan formalmente a través do documento que veñen de dirixir ao Goberno de España se “a proposta de Óscar Puente significa que o Executivo renuncia á construción das variantes imprescindibles para que Lugo dispoña de alta velocidade ferroviaria”.
O Goberno do Partido Popular poñía a Lugo no mapa da alta velocidade. De feito, deixara proxectadas as variantes ferroviarias de Os Peares-Canaval e Rubián que permitirían reducir o tempo de viaxe con Ourense, segundo presentaba o ministro Íñigo de la Serna o 8 de maio do 2018 na cidade.
ACORDO NO PARLAMENTO DE GALICIA
O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que garanta o acceso das cidades de Lugo e de Ferrol á alta velocidade ferroviaria, en condicións de igualdade co resto do territorio.
Os populares lembran que “é imprescindible a execución das actuacións precisas para adaptar a infraestrutura ferroviaria actual e que permita a chegada do AVE”, entre as que se inclúen as variantes de Os Peares- Canaval e Rubián -en Lugo- e Betanzos -para a conexión con Ferrol-.