Os obradoiros no colexios e o instituto centraranse en temáticas afectivo sexuais.
A mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou unha nova reunión no Salón de Plenos. Estivo copresidida pola concelleira de Igualdade, Rocío López, e a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, Ana Aldao. Tamén contou coa presenza de Manuela VIlaboy, xefa da unidade de violencia contra a muller da Subdelegación do Goberno; persoal técnico municipal dos departamentos de Igualdade e Servizos Sociais; membros dos equipos directivos e orientadoras dos centros de ensino do termo municipal (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión); a pediatra, a enfermeira de pediatría e a coordinadora do centro de saúde da Laracha; e por parte da Garda Civil, o comandante do posto da Laracha e o coordinador do equipo Viogén de Carballo.
O asunto principal da reunión foi abordar as propostas de programación de actividades que se van levar a cabo nos centros de ensino baixo a coordinación do CIM. Este ano os obradoiros centraranse en temáticas afectivo sexuais, e o Concello tamén distribuirá para as bibliotecas dos colexios e do instituto recursos bibliográficos sobre igualdade, diversidade e prevención da violencia de xénero.
Ademais, na reunión avanzáronse parte dos contidos que se incluirán na programación municipal en torno ao 25N e que se darán a coñecer en próximas datas.
Aproveitando o encontro, a representante da Subdelegación do Goberno tamén presentou programas, proxectos e xornadas formativas que levan a cabo e aos que pode acollerse o Concello.
Salientar, por último, que foron analizados casos e situacións de vulnerabilidade para optimizar a coordinación de actuacións ante casos de atención por diferentes profesionais integrantes da mesa.
O Concello reitera o agradecemento a todos os sectores profesionais representados nestas mesas pola súa total disposición para traballar xuntos na loita contra a violencia de xénero.