Os representantes institucionais do PP de Ourense comprometen a protección, defensa e promoción do mundo rural como garante do futuro do territorio

por 21 Noticias

A sede provincial do Partido Popular de Ourense acolleu esta mañá a primeira Interparlamentaria que celebra o partido na provincia e na que participaron todos os representantes institucionais do PP na Deputación, no Parlamento de Galicia, Congreso e Senado, ademais da presenza do presidente provincial, Luis Menor; a secretaria xeral, Sandra Quintas; e o portavoz do PP na cámara galega, Alberto Pazos.

No encontro, baixo o lema «#OrgullodoRural», os cargos electos populares comprometeron a protección, defensa e promoción do mundo rural como garante do futuro do territorio, ademais das áreas urbanas e metropolitanas que concentran, no caso de Ourense, a un de cada tres habitantes da provincia.

Luis Menor explicou que para esta primeira Interparlamentaria escolleuse como eixo o mundo rural «porque falamos do 80 % da provincia, cun inmenso valor en todos os ámbitos,  económico, cultural, social, medioambiental ou patrimonial, e por iso temos a obriga de preservar e contribuír a desenvolver este modelo de vida, de cultura e sabias tradicións».

O presidente provincial defendeu que o rural «estea sempre no noso vocabulario, porque ninguén mellor que o PP e os seus representantes coñece o potencial deste territorio, porque tamén só o Partido Popular está presente en cada recuncho da provincia».

Reflexionou Luis Menor sobre este tipo de encontros, que figuraban no seu programa como presidente do partido e que terán carácter anual, centrándose de cada volta nos máis diversos asuntos de interese para a provincia.  Así, cualificou as interparlamentarias como «ferramentas fundamentais para o intercambio de información, coordinación, reforzo do traballo e acción política dos nosos representantes nos ámbitos nacional, autonómico e provincial». Só deste xeito o PP de Ourense «será quen de presentar iniciativas e recomendacións para demandar ou poñer en marcha respostas axeitadas ás necesidades do noso territorio e dos seus habitantes».

ALBERTO PAZOS: «O ASENTAMENTO DA MOCIDADE NO NOSO RURAL SERÁ A MELLOR GARANTÍA PARA CONSEGUIR UN RURAL VIVO E CON FUTURO»

Alberto Pazos afirmou que falar do rural en Ourense impón, «porque son consciente do que o rural representa para esta provincia, tanto a nivel social, como económico». Nesta liña defendeu a responsabilidade de parlamentarios ourensáns na Cámara galega «en portavocías estratéxicas relacionadas co mundo rural», como Miguel Ángel Viso (coordinador de temas rurais); Juan Casares (área de viticultura); ou Cristina Campero (actividades forestais).

Pazos destacou a a aposta da Xunta polo rural galego, con políticas sociais e de emprego, ámbitos que supoñen 3 de cada 4 euros do orzamento para 2025 e que «tamén van a beneficiar especialmente a todos os galegos que residen en zonas rurais».

Puxo tamén énfase nun dos asuntos que máis preocupa ao Goberno galego: a remuda xeracional no medio rural e a posta a disposición da mocidade de incentivos para que se animen a desenvolver a súa vida nestas zonas, abrindo liñas de axudas para favorecer a incorporación ao sector primario: «O asentamento de mozos e mozas no noso rural será a mellor garantía para conseguir un rural vivo e con futuro».

PRINCIPAIS CONCLUSIÓNS:

Entre as principais conclusións e compromisos desta primeira Interparlamentaria, Patricia Torres, Miguel Ángel Viso, Celso Delgado e Manuel Baltar abordaron os seguintes temas:

·      Vivir no rural e do rural.

Os representantes institucionais do Partido Popular de Ourense no Senado, Congreso, Parlamento galego e Deputación adquiren como absoluta prioridade a defensa dos intereses do medio rural na provincia de Ourense, con fin de contribuír ao desenvolvemento dun territorio dotado dos servizos básicos e de calidade necesarios para atraer e fixar poboación e facelo rendible económica e socialmente.

·      Rural con futuro.

Avógase por un rural ben conectado, con comunicacións por estradas seguras e recuperando conexións e frecuencias por ferrocarril; protexendo aos autónomos e emprendedores; onde as políticas de reto demográfico sexan efectivas poñendo en valor especialmente o apoio activo á muller.

·      Financiamento das entidades locais.

Os ingresos non aumentan, pero si medran os custos dos servizos que se prestan mentres se asumen máis competencias, afogando cada vez máis as economías municipais.

·      Sector agrícola e gandeiro.

O sector primario ten un peso económico básico na economía provincial. Comprométese o impulso ás políticas estatais e comunitarias que incidan con carácter xeral no territorio, como a nova Política Agraria Común; un agro sustentable; soporte ao sistema de seguros agrarios; e a esixencia do remate do Plan de Regadío na Limia nas mellores condicións para os regantes.

·      Mobilización de terras.

Hai que superar as dificultadas para identificar os propietarios de fincas, o que trae consigo unha carga administrativa engadida os concellos. A Lei de recuperación da terra agraria procura combater o abandono de terras e fomentar a produtividade.

·      Seguridade da poboación.

Defendemos políticas e medidas estatais para garantir a seguridade no rural. Por iso expresamos o noso rexeitamento aos peches de cuarteis da Garda Civil e esiximos que se garanta a atención presencial aos cidadáns, mesmo o mantemento dos Xulgados de Paz.

·      Turismo e patrimonio.

Compre preservar e promocionar o rico patrimonio cultural e natural da provincia. O termalismo é unha singularidade a fortalecer e a Ribeira Sacra un factor de desenvolvemento turístico a futuro, tendo en conta a candidatura a Patrimonio da Humanidade.

·      Fondos europeos e áreas transfronteirizas.

A defensa do sector primario tamén pasa por esixir a chegada dos fondos europeos ao territorio, así como unha especial atención a outra realidade fundamental do noso rural: as áreas transfronteirizas.

·      Telecomunicacións.

Se queremos ofrecer no rural servizos modernos e acordes aos avances tecnolóxicos é imprescindible a fibra óptica e a cobertura 5G, cada vez máis esencial para a vida cotiá pero básica para o emprendemento, empresas e empregos de base tecnolóxica.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario