Os exames que acreditan o coñecemento do galego terán lugar en Santiago de Compostela e Ponferrada
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as datas para a realización dos exames que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega e que se celebrarán entre o 16 e o 24 de novembro en Santiago de Compostela e Ponferrada.
Trátase da segunda convocatoria que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude efectúa este 2024, centrada neste caso nas probas correspondentes aos niveis Celga máis solicitados, o 2, o 3 e o 4. Desta maneira, preténdese continuar favorecendo o coñecemento e emprego do galego en toda a sociedade e, especialmente, entre aquelas persoas non nacidas en Galicia ou que non tiveron este idioma como lingua nai, impulsando o interese por el.
Así, as persoas solicitantes que finalmente resulten admitidas deberán presentarse os días 16 ou 17 de novembro (segundo a inicial do seu apelido) para realizar o exame do Celga 4. Así mesmo, a data da proba do Celga 3 é o 23 de novembro e para o nivel 2 o día elixido é o 24 do mesmo mes. O comezo para todas elas será as 9,00 horas.
Cómpre lembrar que as listaxes provisionais das persoas solicitantes admitidas en cada unha das probas poden ser consultadas no Portal da Lingua da Administración autonómica. Ademais, na publicación do DOG tamén quedan establecidos os lugares para examinarse tanto da parte escrita como da oral: o Instituto Antón Fraguas en Santiago de Compostela e a Escola Oficial de Idiomas en Ponferrada.