A Real Academia Galega celebra este martes unha xornada de homenaxe á académica de honra, unha das grandes autoras brasileiras do século XX, con raíces en Cotobade. “En Nélida Piñon a escritura vence a morte”, salienta a académica Marilar Aleixandre, coordinadora do encontro.
“A Nélida [Piñon] mantivo até o último minuto o amor pola vida e a amizade. Non quería marchar, pero despediuse dunha forma moi digna. No hospital conversamos máis sobre o posible outro mundo que da vida aquí, sempre foi unha muller que reverenciou os seus mortos. Amaba Galicia e emocióname moito falar dela aquí”, conta Karla da Silva. A compañeira dunha das grandes autoras das letras brasileiras abrirá a xornada de homenaxe á académica de honra que a Real Academia Galega celebrará esta tarde (17 horas) na Fundación Barrié, un encontro de entrada libre que poderá seguirse tamén en directo en academia.gal e a canle de Youtubeda RAG. Da Silva falará, por primeira vez en público dende o seu pasamento, de quen é unha das grandes autoras das letras brasileiras contemporáneas, cunha obra na que as súas raíces galegas son un dos sinais de identidade esenciais.
A través do seu legado literario, Nélida Piñon (Rio de Janeiro, 1934 – Lisboa, 2022)segue viva, coma os devanceiros que inmortalizou n’A república dos sonhos, porque nela “a escritura vence a morte”, salienta a académica de número Marilar Aleixandre, coordinadora da Sección de Literatura da RAG e desta cita. “A escritura, as historias imaxinadas e contadas derrotan a morte, noite tras noite, en Vozes do deserto, a súa reescritura da historia de Sherezade. As historias non morren se son contadas unha e outra vez de novas formas. A escritura derrota tamén a morte de Nélida, pois temos a súa voz, viva nos libros que herdamos dela”, reflexiona.
Canda Karla da Silva, a xornada contará co xornalista Alfonso Armada, o estudoso da súa obra Antonio Maura, director do Instituto Cervantes de Rio de Janeiro cando esta doou ao centro a súa biblioteca. Con eles a tarde avanzará arredor dos libros e da vida de Nélida Piñon, da súa rede de amizades e do vínculo con Galicia dende distintas perspectivas. “Sempre dixo que a época máis feliz da vida foron eses anos que de meniña pasou en Galicia”, recorda Da Silva, que achegará a ollada máis íntima e persoal da homenaxeada. O trío Boroa encargarase da parte musical.
Antonio Maura abordará a relación de Nélida Piñon con outras autoras brasileiras como Clarice Lispector, Rachel de Queiroz, Lygia Fagundes Telles ou Marly de Oliveira, con quen conformou un “núcleo moi importante” da literatura brasileira; e fará un percorrido pola súa narrativa centrándose en tres títulos, Vozes no deserto (1987), Um dia chegarei a Sagres (2020) e A república dos sonhos (1984), “unha epopea, un libro fundacional”, valora. “Talvez sexa dos poucos libros na literatura brasileira do século XX que conta a emigración. É un deses romances épicos que marcan unha identidade do Brasil, un libro fundamental non só na obra de Nélida senón no panorama literario brasileiro e no imaxinario brasileiro”, asegura.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, editor d’A república dos soños en galego na súa etapa á fronte de Galaxia, salienta tamén a importancia desta novela nesta beira do Atlántico en termos similares. “Somos moitos os que pensamos que A república dos soños é a nosa gran novela da emigración, que é un dos capítulos máis grandiosos da verdadeira épica de Galicia: a forza dun pobo que, malia os cataclismos da historia, soubo manter viva a memoria e a tradición”, expón. “A grande achega de Nélida Piñonás dúas literaturas consiste na ensamblaxe de dous mundos, que son raíz e tradición: o mundo grandioso e exuberante do Brasil e a tradición íntima, case doméstica, secreta, pero non menos decisiva, das raíces galegas”, engade.
Nesta día de homenaxe a Nélida Piñon, o presidente da RAG comparte tamén o seu primeiro recordo dela mesmo moito antes de coñecela, a través da memoria familiar: “A miña nai foi compañeira de Nélida na escola da aldea de Borela (Cotobade) onde Nélida viviu dous anos da súa infancia. Era unha nena con capacidade económica por riba das outras, pero convivía con elas e participaba nas cerimonias propias daquela Galicia rural. Ese mundo foi en parte a herdanza que levou Nélida Piñon de regreso ás Américas”.
“Ter un pé en cada continente enriquece moito a súa literatura”, considera Alfonso Armada. “Penso que ese feito engrandeceu a súa literatura, como aconteceu coa de Clarice Lispector, con que mantiña unha relación de fascínio mutuo”, comparte o xornalista, que convidou a Nélida Piñon na súa etapa como director do ABC Cultural a manter unha columna na súas páxinas. “Como novelista tiña un estilo moi particular, axiña recoñecías que un texto era dela. E no caso dos artigos penso que pasaba o mesmo, as súas columnas estaban moi ben traballadas e amosaban enfoques moi orixinais, fuxía da actualidade e ía un paso máis alá”, analiza quen é o autor dunha das últimas entrevistas a Nélida Piñon, incluída en El arte de la entrevista. De David Bowie a AdamZagajewski (2022).
Narradora e lectora por herdanza
Filla de nai e pai galegos, as raíces familiares de Nélida Piñon sitúanse en Borela, parroquia de Cotobade (hoxe concello de Cerdedo-Cotobade), onde viviu entre os dez e os doce anos. Aquí iniciou o seu futuro, deixou escrito en Aprendiz de Homero. “A inmersión nestas terras galegas levoume a entrecruzar o repertorio brasileiro e o galego. A provocar entre eles unha fusión que prorrogou en min estancias míticas, consolidou a argamasa histórica, valorizou os meus sinais de identidade, a cosmogonía mestiza e arqueolóxica, o entrelazamento das culturas”, lembraba nestas páxinas.
Pero a Nélida narradora empezara xa a facerse no Brasil, a través dos contos coa que a alimentaba a nai, herdeira da mellor tradición oral galega. “Eu creo que foi a súa nai quen espertou en Nélida esa vontade de ser unha gran narradora. Cando era moi pequena sufría inapetencia alimentaria e comía cada cullerada cun anaco de historia que ela lle contaba. E logo en Galicia coñeceu outros grandes contadores de historias, que homenaxea coa figura do avó de Madruga n’A república dos soños”, expón Karla da Silva.
O seu pai, gran lector, tamén marcaría o seu destino: “Cando retornaron de Galicia, abriulle unha conta nunha libraría para que mercase os libros que quixese. Fíxose unha lectora voraz, aos 14 anos xa lera a Dostoievski e aos 18 a obra enteira de Balzac. Tamén orientou as súas lecturas a súa profesora de grego no colexio alemán onde estudou, onde aprendía gramática portuguesa con Camões. Entendía que para ser escritora tiña que dominalo. E tamén adoraba a Rosalía de Castro, de quen falaba como parte dos grandes escritores da historia da literatura, canda Camões, Cervantes, Flaubert ou Machado de Assis”, detalla a súa compañeira.
Karla da Silva compartirá no encontro algunhas das confesións que a autora deixou plasmadas no inédito arquivo persoal que custodia, unha documentación de enorme valor que axuda a completar o retrato máis íntimo e humano dunha muller con “gran paixón pola existencia, a vida, a amizade e a humanidade”. “Nélida deixou unha cantidade enorme de manuscritos, de observacións dela sobre o mundo, de como se sentía, do que facía. Era unha muller que amaba a vida e moi risoña”, conta emocionada.
Pero a súa maneira de ver o mundo e a literatura tamén queda recollida en títulos como Uma furtiva lágrima (2019), “un libro testamento” que chegou ás librarías case ao mesmo tempo que Um dia chegarei a Sagres (2020), a súa derradeira novela, escrita cando xa fixera os 80 anos. “Nélida non quería publicar libros, quería facer unha obra e conseguiuno. Con Um dia chegarei a Sagres sentiu que cumprira e que pechaba a obra literaria que quixera construír dende o principio”, conclúe Karla da Silva.
Traxectoria
Tras se titular como xornalista en 1957, Nélida Piñon publicou en 1961 a súa primeira novela, Guía-mapa de Gabriel Arcanjo (1961), á que seguiron títulos como Madeira Feita Cruz (1963), Fundador (1969), A Casa da Paixão (1972), Tebas do meu coração(1974), A força do destino (1977) ou A doce canção de Caetana (1987), así como as xa mencionadas A república dos sonhos (1984), Vozes do deserto (2004) e Um dia chegarei a Sagres (2020).
Como ensaísta salientan títulos como O presumível coração da América (2002) e Aprendiz de Homero (2008), Premio Casa de Las Américas; cultivou as memorias en Coração Andarilho (2009), O Livro das Horas (2012) e Uma Furtiva Lágrima (2019); explorou a literatura infantil e xuvenil e desenvolveu unha destacada produción xornalística.
Membro de número da Academia Brasileira de Filosofia e da Academia Brasileira de Letras, foi a primeira muller en presidir esta última (1996-1997). Entre outros recoñecementos, mereceu a Medalla Castelao (1992), foi investida doutora honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1995) e fíxose co Premio Juan Rulfo(1995) e o Príncipe de Asturias das Letras (2005). No ano 2014 ingresou na RAG como membro de honra nunha cerimonia celebrada na Coruña, cun discurso titulado A épica do coração.
A segunda edición de Voces da narrativa é unha iniciativa da Sección de Literatura da RAG organizada coa colaboración do Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a Fundación Barrié.