Xornadas sobre igualdade, feminismo, e lexislación contra a violencia de xénero centran o arranque na UDC das celebracións do 25N

por Redacción A Coruña

Os días 6 e 7 de novembro celebraranse as “III Xornadas IA Nesgos de Xénero. Oportunidades para a Igualdade”.

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres celébrase anualmente cada 25 de novembro, para denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres e reclamar políticas que contribúan á súa erradicación. Adiantándose a esta efeméride, e no marco das celebracións ao seu abeiro, a Universidade da Coruña organiza esta semanatres xornadas divulgativas co foco posto na igualdade, o feminismo, e a lexislación contra a violencia de xénero, respectivamente. Os tres eventos teránlugar desde o vindeiro mércores, 6 de novembro, ata o próximo venres, día 8 de novembro, na Facultade de Dereito da UDC (Campus de Elviña).

Xornadas IA nesgos de xénero. Oportunidades para a igualdade

O primeiro dos encontros son as “III Xornadas IA nesgos de xénero. Oportunidades para a igualdade”, unha iniciativa promovida polo Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), co obxectivo de abordar o impacto da intelixencia artificial nos nesgos de xénero e explorar oportunidades para promover a igualdade no ámbito tecnolóxico. 

Este evento, que terá lugar os días 6 e 7 de novembro, contará coa participación de especialistas nacionais e internacionais que compartirán a súa visión sobre a importancia da diversidade en equipos de IA e o papel das políticas reguladoras neste ámbito.

As xornadas comezarán o mércores, 6 de novembro, co acto inaugural ás 09:30 horas, a cargo do reitor da UDC, Ricardo Cao; a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey; e o decano da Facultade de Dereito, Xulio Ferreiro. No acto inaugural tamén participarán o director do CITIC, Manuel González Penedo; e  a directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC, Laura Castro.

De seguido, ás 10:00 horas, terá lugar a conferencia “Que nesgos importan? Envelenando conxunto de datos para clasificación de imaxes”, impartida pola investigadora da Universidade Pública de Navarra Iris Domínguez. A continuación, Naira Bellio, membro de AlgorithmWatch, ofrecerá a charla “Algoritmos ingobernables ou como investigar caixas negras”. Para rematar a sesión, ás 12:30 horas terá lugar a mesa redonda “Diversidade e tecnoloxía.Por que a IA necesita equipos inclusivos?”, con Belén Valle Cao (NTTData) e Natalia Monje (Ecos do Sur). Ademais, xa pola tarde, desenvolverase un obradoiro colaborativo de Galipedia.

O xoves, 7 de novembro, as actividades comezarán ás 10:00 horas coa conferencia “Píxeles, datos e neuronas”, a cargo de Alba Meijide, experta en Intelixencia Artificial; seguida do relatorio “Regulación da IA: desde a AI Act a outras regulacións internacionais”, impartido por Belén Arribas, representante de ENATIC, IFCLA e o European Data Protection Board. Para pechar a xornada, ás 12:30 horas, celebrarase a conversa “O papel da Administración na era da IA”, con Javier Torres Gella, secretario xeral da AESIA; e BerthaGuijarro, profesora Titular da Área de Ciencia da Computación e IA da UDC.

Estas xornadas permitirán reflexionar sobre os nesgos presentes nos sistemas de IA e promover o diálogo sobre a necesidade de equipos de desenvolvemento inclusivos que representen a diversidade da sociedade. Ademais, trataranse as políticas de regulación actuais e o papel das administracións públicas na supervisión e control de aplicacións de IA.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través deste formulario en liña.

“Diálogo entre Feminismos”

O xoves, día 7 de novembro, a Facultade de Dereito tamén acollerá a primeira das citas da 3ª edición do ciclo de conferencias “Diálogo entre Feminismos”, organizado polo Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da UDC, en colaboración co Centro de Investigacións e Estudos de Xénero da Universidade Autónoma de México (UAM). 

Así, a encargada de impartir este relatorio inaugural será a doutoura en Estudos Feministas Paola Marugán, gañadora do Premio á mellor tese dedoutoramento no Concurso Laureana Wright 2023, organizado polo citado centro de investigacións da UAM. Na súa conferencia, titulada “Forcejeos con la casa grande. Terrane e Vivências do balé das Iyabás”, Paola Marugánabordará a súa propia investigación doutoral: unha análise interseccional de procesos creativos, prácticas descoloniais e articulacións comunitarias. A súa intervención será ás 18:00 horas (as 11:00 horas en México), e poderá seguirse en liña nesta ligazón.

“Diálogo entre Feminismos” é unha iniciativa que aproveita a posibilidade que ofrece internet para achegarnos a diversas perspectivas dos estudos de xénero e feministas, así como ao traballo de académicas de recoñecido prestixio. No marco desta 3ª edición do ciclo, impartirase unha conferencia cada xoves do mes de novembro. 

Xornada conmemorativa do XX aniversario da Lei orgánica 1/2004

A última das tres iniciativas celebradas na UDC esta semana, no arranque das actividades conmemorativas do 25N, terá lugar o venres 8 de. Ese día, o Salón de Graos da Facultade de Dereito será sede da xornada “Dúas décadas de loita: balance e perspectivas da Lei integral contra a violencia de xénero”, cunha sesión, impartida de 9:30 a 12:30 horas, coa que se quere conmemorar o XX aniversario da mencionada lei. Unha normativa pioneira que supuxo un antes e un despois na loita contra este tipo de violencia.

A directora da Oficina para a Igualdade de Xénero (OIX) da UDC, Ana María Neira, destaca que a Lei Orgánica 1/2004 do 28 de decembro naceu co consenso de todo o arco parlamentario, co obxectivo principal de establecer medidas para previr, sancionar e erradicar a violencia de xénero, así como para asistir e protexer ás vítimas destas violencias, consideradas un problema social de primeira orde. “A súa exposición de motivos constitúe unha auténtica declaración de intencións ao declarar que a violencia de xénero é unha violencia dirixida ás mulleres polo feito mesmo de selo, constituíndo o símbolo máis brutal da desigualdade que existe na nosa sociedade”, afirma.

Segundo a directora da OIX, oficina responsable da organización da xornada, o encontro “reunirá a destacadas profesionais da xudicatura, da fiscalía e da academia para analizar os avances acadados nestes anos, as dificultades atopadas e os desafíos que aínda temos por diante”. Así mesmo, engade, “reflexionará sobre a necesidade de xulgar con perspectiva de xénero como condición para lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria.»

A programación completa deste evento pode consultarse aquí.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario