CIG: «Román Rodríguez mentiu, nunca houbo un estudo que xustificase que se salvaron 204 aulas neste curso»

por Redacción Galicia

A Consellaría confirma nunha resposta a unha solicitude da CIG-Ensino que só se pode falar de estimación e que nunca existiu un documento coa relación detallada de centros

«Salvamos 204 aulas». «Coa aplicación do acordo rescatamos 204 aulas». Frases como estas foron recollidas por medios de comunicación a comezos de setembro de 2024. A fonte era un comunicado de prensa da Consellaría de Educación colgado na sección de propaganda do portal educativo da Consellaría, aínda hoxe accesíbel. Esta mesma cifra apareceu posteriormente en boca do conselleiro tanto en entrevistas como nunha comparecencia parlamentaria.

Esta mesma cifra de «204 aulas» foi reproducida en comunicados públicos dos tres sindicatos asinantes do acordo da vergoña, dándoa por boa, identificando o logro como consecuencia do acordo e felicitándose do seu éxito. Naquel momento todo eran luces, as sombras apareceron despois.

O dato tan detallado por parte da Consellaría (non unha referencia aproximada como podería ser «máis de», «arredor de» «case») levou á CIG-Ensino a cuestionarse se estabamos diante dunha nova mentira, dentro da intensa campaña de manipulación da Consellaría destes últimos meses ou, pola contra, se habería datos reais que sustentasen esa afirmación.

O día 14 de setembro, desde o sindicato solicitouse á Consellaría de Educación «unha listaxe das 204 aulas que coas ratios previas ao acordo de outubro de 2023 deberían ter pechado neste curso e se manteñen abertas, con indicación da matrícula de cada unha das aulas afectadas e, de ser o caso, doutras aulas do mesmo centro se a supresión das aulas fose pola vía do agrupamento de unidades de diferente nivel ou ciclo».

A solicitude argumentábase precisamente no nivel de detalle proporcionado, concluíndo que, para poder chegar a esa concreción, necesariamente tiña que existir un estudo previo realizado pola Consellaría coa matrícula dos centros educativos, datos que por suposto obran en poder da propia administración.

A resposta fíxose agardar mais finalmente chegou o 30 de outubro, mes e medio despois de solicitala. Esa resposta permite afirmar que Román Rodríguez mentiu, que pretendeu enganar á opinión pública e que, polo visto, conseguiu facelo con algúns medios e sindicatos.

Este é un extracto da resposta oficial da administración que pode consultarse na súa integridade nesta ligazón.

– Non había datos; de haber algo había estimacións. «En canto ás manifestacións [do conselleiro] do alcance da aplicación do Acordo do 11 de outubro de 2023 … e o número de aulas que se mantiveron abertas como consecuencia da súa implementación, hai que aclarar que se trata dunha estimación á vista dos datos que ía proporcionando o procedemento de admisión do alumnado para o curso 2024/25.

– Non houbo un informe previo para sustentar as afirmacións do conselleiro:  «Non existiu un documento coa relación detallada de centros docentes identificados coas aulas que se conservan en cada un deles como consecuencia da aplicación do Acordo do 11 de outubro de 2023…»

Polo tanto, o que Román Rodríguez fixo foi dar unha información total ou parcialmente falsa, sen preocuparse de que tivese un respaldo en datos que puidesen facerse públicos para contrastalos, o mínimo que se lle pode exixir a un cargo público. Rodríguez diferenciou perfectamente nas súas manifestacións o que eran datos concretos (204 aulas neste curso) do que eran estimacións (até 900 nos tres próximos cursos). Agora desvélase que o que era, supostamente, unha estimación era a primeira das cifras, polo que da segunda só podemos inferir que se trata dunha elucubración.

A CIG-Ensino non se estraña deste comportamento porque vén sendo habitual por parte do goberno galego e, en particular, desta Consellaría e o recoñecemento oficial de Educación non fai máis que confirmar a manipulación habitual nese departamento. Un responsábel político con algo de vergoña debería rectificar publicamente e considerar a súa dimisión.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario