O maxistrado Fernando Lousada, a xuíza afgana Rahima Sabiri, as asociacións Ecos do Sur, Axel e Alumar, e a editora Teresa Zataraín, acadan os Recoñecementos Meninas de Galicia

por Redacción Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, comunicou hoxe os Recoñecementos Meninas de Galicia, que concede a Delegación do  Goberno por sétimo ano consecutivo na Comunidadeque recaen no maxistrado Fernando Lousada; a maxistrada e activista afgana Rahima Sabiri; a ONG Ecos do Sur da Coruña; a asociación Axel de Lugo, o Centro Alumar de Cáritas Diocesana de Ourense, e a editora Teresa Zataraín, de Pontevedra.

Pedro Blanco trasladou persoalmente o fallo do xurado á cada persoa e entidade distinguidas facéndolle chegar a noraboa e o agradecemento do Goberno polos valores que trasladan co seu traballo e o seu exemplo vital. Delas e deles dixo que «representan a unha Galicia feminista, que rexeita o machismo e a violencia que se exerce contra unha muller polo feito de selo e que loita pola igualdade en todos os ámbitos».

Os Recoñecementos Meninas foron creados no ano 2004 polo Goberno de España e concédense en Galicia desde o 2018. As distincións seleccionan a persoas e entidades que sobresaen polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero, no apoio ás vítimas e na loita pola igualdade e teñen como escenario a celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

En Galicia, as Meninas acadan este ano a súa sétima edición tras a determinación da Delegación do Goberno de trasladar estes recoñecementos ao ámbito autonómico. O delegado do Goberno presidirá o vindeiro 22 de novembro, nos días previos ao 25N, o acto institucional de entrega dos mesmos no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

Mencións honoríficas

O xurado dos Recoñecementos Meninas acordou tamén a concesión de cinco mencións honoríficas: unha autonómica e catro provinciais. Estas mencións recaen nesta edición na Asociación ‘Teenses pola igualdade’, de Teo (A Coruña); na policía integrante da Unidade de Atención á Familia e a Muller (UFAM) da Comisaría de Santiago, Alejandra Domínguez; na policía da UFAM da Comisaría de Viveiro (Lugo), María José Vidal; na cabo Cristina Rodríguez, do equipo Viogen da Garda Civil de Celanova (Ourense); e no policía da UFAM da Comisaría de Marín (Pontevedra), Aníbal Aguiar.

Distinción a proxectos xornalísticos

Por segunda vez, os Recoñecementos Meninas contemplan a distinción a xornalistas, empresas e proxectos de comunicación social de Galicia que promovan os valores de igualdade e a erradicación da violencia machista. Nesta categoría, a Delegación do Goberno en Galicia conta coa colaboración do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, como entidade asesora.

Este ano, esta mención especial recae nas xornalistas Susana Pedreira e Diana López, creadoras e impulsoras do proxecto ‘As mulleres que opinan son perigosas’. Esta iniciativa xurdiu no ano 2018 para reivindicar o papel das mulleres opinadoras nos medios de comunicación en España. O proxecto traduciuse nun foro profesional de mulleres xornalistas que se celebra anualmente na cidade de Pontevedra e no libro ‘Las mujeres que opinan son peligrosas. Cuatro años y una pandemia’, escrito por ambas mulleres.

BIOGRAFÍAS DOS RECOÑECEMENTOS MENINAS 2024

Fernando Lousada. Nado en 1963. Doutor en Dereito pola Universidade da Coruña. Ocupa desde 2001 a praza de Maxistrado especialista da Orde Social no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Tamén é, desde o ano 2015, profesor asociado de Dereito Procesual Civil e Penal na Universidade de Coruña.

Nos seus anos de carreira profesional publicou multitude de estudos e artigos relacionados coa igualdade, o acoso sexual no traballo e os dereitos laborais das mulleres, así como as enfermidades profesionais desde a perspectiva de xénero. Traballos polos que acadou numerosos premios e recoñecementos.

Realizou tarefas de asesoramento como experto xurídico para as administracións públicas e participou tamén como experto en igualdade en distintas comisións parlamentarias. Entre outras, colaborou nos traballos previos á elaboración das leis nacional e galega de igualdade efectiva entre homes e mulleres e na redacción dos dous Plans de Igualdade da Carreira Xudicial e no Protocolo de Actuación diante o acoso sexual na Carreira Xudicial, así como nos instrumento para facelo efectivo.

Rahima Sabiri. Nacida en 1965 en Kabul. Ten acreditada desde este ano a súa condición de vítima da violencia de xénero, a instancias da Delegación do Goberno en Galicia. É o primeiro caso en Galicia e o segundo en España no que se recoñece esta acreditación, con carácter social, económico e laboral, a unha muller afgana perseguida pola súa condición de muller.

Xuíza do Tribunal Supremo de Afganistán, reside actualmente en Galicia como refuxiada xunto á súa familia. Como maxistrada, dirixiu operacións antiterroristas contra faccións talibáns e do ISIS. Este feito converteuna en obxectivo destes grupos, dos que recibiu ameazas de morte dirixidas a ela e a súa familia. Tras a toma do poder por parte dos talibáns, e despois de que o seu home e un dos seus fillos fosen secuestrados e torturados, Sabiri trasládase coa súa familia en 2023 a España, onde o Goberno lle concede o asilo.

Co recoñecemento Meninas, a Delegación pon de manifesto as dificultades ás que se enfrontou Rahima Sabiri durante a súa etapa de xuíza e, despois, ás consecuencias da chegada dos talibáns ao Goberno do seu país, coa persecución que sufriu polo feito de ser muller e tamén pola súa traxectoria profesional.

Ecos do Sur. ONG xurdida na cidade da Coruña en 1991. Traballa desde entón en Galicia en programas de erradicación da violencia sobre as mulleres e as nenas, con especial atención á trata de mulleres e a explotación sexual e económica. Nestes casos, a organización ofrece servizos para que as mulleres poidan saír desas situacións de violencia e refacer as súas vidas.

Asociación de Xóvenes Emprendedores de Lugo-Axel. Organización creada na cidade de Lugo no ano 2004. Desde o ano 2016, esta asociación desenvolve ‘Expresando futuro’, un programa de inserción laboral para mulleres vítimas da violencia de xénero. Ata este ano, o programa atendeu a máis de 120 mulleres da provincia de Lugo, proporcionándolles recursos de orientación laboral e formación e facilitando o acceso ao emprego a 50 delas.

Centro Alumar de Cáritas Diocesana de Ourense. Alumar empezou a súa andaina en 1999 na cidade de Ourense como un centro de día para a integración social das mulleres en situación de extrema vulnerabilidade. Actualmente desenvolve un importante traballo de intervención social das mulleres que se atopan en contextos de prostitución, en situación de trata e/ou explotación sexual, quen teñen en Alumar un lugar onde sentirse acompañadas e guiadas en todo o seu percorrido.

Teresa Zataraín, directora de ‘Creotz Ediciones’. Xornalista, escritora e empresaria. Tras unha longa traxectoria no eido da comunicación, lanzouse á aventura de crear unha editorial na cidade de Vigo, ‘Creotz Ediciones’. Os seus traballos caracterízanse pola edición coidada e a recuperación do esquecemento e da marxinación literaria a mulleres escritoras do século XX. Naceu así, en 2014, a colección Ellas vuelan, que segue a crecer con novos títulos, e que foi seleccionada polo Ministerio de Cultura para formar parte do pavillón español da Feira do Libro de Frankfurt.

Anteriores edicións

Estas persoas e entidades súmanse a unha longa lista iniciada no ano 2018. Dende entón, os Recoñecementos Meninas distinguiron a asociacións como Fademur, Faraxa (Vigo), Fundación Amaranta (Ourense), ONG ValoReSC (Ourense); Fundación Meniños, Asociación Mirabal (Betanzos), Asociación Sí hai saída (Lugo); as casas de acollidas de Ferrol e A Coruña; a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos (Vigo). Entre as persoas recoñecidas están a artista Guadi Galego, a actual Valedora do Pobo, xuristas como o maxistrado Miguel Filgueira e Paz Filgueira, e os abogados e abogadas integrantes do turno de oficio en materia de violencia de xénero. Finalmente, entidades como a Deputación de Pontevedra, a Oficina de Igualdade da Universidade de Vigo e os equipos Viogen da Garda Civil tamén foron distinguidas nestes anos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario