O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou en Santa Cruz de Arrabaldo o Centro de Procesado Avícola de Coren, a principal cooperativa agroalimentaria cárnica de España, que reúne a 7.000 familias entre socios e empregados. Menor, acompañado pola vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, percorreu as instalacións da man do director xeral do grupo, Emilio Rial, enxalzou a «vangarda» do complexo, no que traballan máis dun millar de empregados.
Luis Menor destacou que unha das claves do éxito desta empresa ourensán é «manter a súa implantación no territorio» dende hai sesenta anos, con ese compromiso continuo de xerar riqueza e emprego, converténdose o grupo en «oportunidade de vida» para os milleiros de traballadores que forman parte da empresa, sempre «comprometida co rural e con Ourense».