O PPdeG animará aos concellos a sumarse ao Pacto pola lingua e así «construír un acordo social para trazar o mellor futuro para o galego»

por 21 Noticias

O Partido Popular de Galicia presentará a través dos seus grupos municipais unha moción para que os concellos se animen a formar parte do Pacto pola lingua e que así «as entidades máis próximas á cidadanía poidan contribuír a construír un acordo social que permita trazar o mellor futuro para o gran tesouro que é a lingua galega».

Así o anunciou esta tarde a secretaria xeral Paula Prado durante a reunión da Comisión de Cultura do partido celebrada en Padrón e que se enmarca nun «momento clave para o galego» como é a negociación do Pacto pola lingua que lidera a Xunta de Galicia.

«O PPdeG comparte o compromiso da inmensa maioría dos galegos co futuro da nosa lingua e por iso, para nós e para o resto de partidos políticos, o momento de comprometerse é agora», asegurou incidindo en que nesta negociación «todos temos que ceder e non só o Goberno galego».

A número dos populares galegos lamentou que haxa partidos aos que «só lles interesa a lingua como elemento de confrontación» e afeoulle a estes a súa negativa a «atopar puntos de unión». Porque, na súa opinión, «as bandeiras independentistas, a politización e a apropiación non axudan en nada nesta cuestión».

Fronte a isto, concluíu Paula Prado, o PPdeG ten clara a súa senda. Unha senda compartida pola maioría dos galegos e que non é outra que «apoiar o galego, coma sempre, no marco do bilingüismo cordial que nos trouxo ata aquí e sen poñer ningunha lingua por enriba da outra».

LÓPEZ CAMPOS: «A LINGUA GALEGA É UN ELEMENTO DE UNIÓN»

A reunión desta tarde foi a primeira na que participou a nova coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, e nela subliñouse que o partido «ten moito que dicir» no marco das actuais negociacións do Pacto pola lingua.

«Somos un partido galeguista que concibe a nosa lingua como un elemento de unión para todos os galegos e galegas e como un patrimonio compartido que temos a responsabilidade de legar ás xeracións vindeiras», apuntou o responsable de Cultura e Xuventude no Goberno galego.

José López Campos fixo un chamamento a «apartar o foco político do uso social da lingua e seguir facendo do galego un idioma amable, que a xente poida utilizar con normalidade, sen imposicións e co convencemento de que é un gran tesouro que forma parte do noso patrimonio e que debemos conservar e transmitir». 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario