José González agradece o labor desenvolvido polos recintos da Coruña, Ourense, Lugo, Vigo e A Estrada, cualificándoos de auténticos referentes de dinamización das súas respectivas contornas
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantén hoxe un encontro con representantes dos recintos feirais de Galicia, que cualificou de auténticos referentes de dinamización das súas respectivas contornas. A xuntanza enmárcase no proceso de escoita activa aberto para a elaboración do Plan estratéxico do comercio 2025-2030, unha folla de ruta que se prevé ter lista no primeiro trimestre do ano que vén.
O conselleiro puxo de relevo estes recintos por seren localizacións estratéxicas non só para acoller todo tipo de exposicións que dean pulo aos distintos sectores económicos, senón tamén para albergar os máis diversos eventos en beneficio tanto do tecido produtivo local como dos veciños e veciñas de cada zona. Nese senso, fixo fincapé en que os recintos feirais son interlocutores cruciais, ao formar parte fundamental da estratexia que está a promover a Consellería para seguir vertebrando as nosas vilas e cidades a través da xeración de riqueza e emprego.
Así, González agradeceu o labor e presenza dos representantes que acudiron á reunión. En concreto, do xerente de Expocoruña, Andrés Fernández, do xerente da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, Rubén López, do xerente de Expourense, Rogelio Martínez, do xerente do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), Arsenio Prieto, e da tesoureira da Fundación de Exposicións e Congresos A Estrada, Mercedes Cuíña.
Plan estratéxico
O titular de Emprego enmarcou o pulo que se lle quere dar aos recintos feirais de Galicia no futuro Plan estratéxico do comercio 2025-2030, no que destacarán iniciativas xa previstas como os novos proxectos de dinamización Vilas vivas, cuxo primeiro piloto efémero terá lugar este decembro en Ribadavia e que logo se irá estendendo a outras cabeceiras de comarca. Tamén os bonos Activa Comercio, que se reeditarán en 2025 tras o novo éxito acadado este ano, no caso da última campaña esgotando en pouco máis de dous días o crédito dispoñible de 2,5 millóns de euros e mobilizando máis de 11 millóns en vendas no conxunto da Comunidade, cuns 7.000 establecementos adheridos e máis de 255.000 bonos descargados.
A maiores, destaca a aposta pola consolidación dunha rede galega de Mercados Excelentes, por avanzar na transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal ou polo desenvolvemento de plans formativos neste eido económico.
Todo no marco dunha folla de ruta para para que o comercio galego ofreza un produto de proximidade caracterizado pola diferenciación e acorde ás novas esixencias da clientela, coa súa consecuente fidelización. A clave -dixo- para garantir a súa viabilidade e remuda xeracional como máximos referentes dun servizo de calidade que, ademais, contribúe a xerar actividade empresarial e a fixar poboación.