Ana Miranda a Teresa Ribera: «Non a Altri sen un debate transparente escoitando ós colectivos que a rexeitan»

por 21 Noticias

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, remitiu hoxe á Vicepresidenta executiva da Comisión Europea para unha Transición limpa, xusta e competitiva, Teresa Ribera, unha carta na que solicita unha reunión cos colectivos que se opoñen á instalación da macrocelulosa Altri en Palas de Rei, un proxecto da empresa Greenfiber que impulsa o PP e que opta aos fondos Next Generation.

“Desde o BNG seguimos traballando en contra do espolio do noso país e por iso pensamos que é imprescindible que a Vicepresidenta Ribera coñeza de primeira man os argumentos contrarios á instalación de Altri”, subliña a eurodeputada galega, quen sinala que as repercusións desta macrocelulosa son tremendamente nocivas non só para a comarca da Ulloa, senón tamén noutras comarcas galegas.

Neste sentido explica que este proxecto está causando unha gran oposición na sociedade galega, posto que aínda que inicialmente se contemplaba a instalación dunha fábrica téxtil, finalmente trátase dunha macrocelulosa que pretende instalarse nunha zona agrogandeira rica en biodiversidade, Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Vulneracións medioambientais

Entre as repercusións negativas desta planta, entre as que se atopan diversas vulneracións medioambientais, figura a utilización da auga por parte de Altri tanto do río Ulla como do encoro de Portodemouros, así como a afectación da Rede Natura (ZEC Serra del Careón, ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza e ZEC Sobreirais del Arnego), que tería como consecuencia a destrución de zonas de especial protección nas que existen especies endémicas.

En concreto, Altri prevé que a súa planta consuma 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, co risco que supón de aumento de incendios, e 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros. Deste total de auga verterá 30 millóns de litros contaminados ao río Ulla, a unha temperatura de entre 27º e 29º, que afectaría irremediablemente á flora e fauna da zona e as zonas pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario