A firma galega de moda Rubearth selecciona tres estudantes do Campus Industrial de Ferrol para colaborar na súa próxima colección

Irene Somoza Prado, Lucas Silvar Bernal e Ainhoa Piñeiro Pereira, estudantes do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña, serán os encargados de realizar o estampado dunha camisa e dun pantalón curto.

A firma de moda galega Rubearth vén de seleccionar a Irene Somoza Prado (A Coruña, 2005), a Lucas Silvar Bernal(Ferrol, 2004) e a Ainhoa Piñeiro Pereira (O Grove, 2005), estudantes dosegundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, para colaborar na colección deoutono/inverno do ano 2026 encargándose da elaboración do estampado dunha camisa e dun pantalón curto.

​Detrás de Rubearth está o pontevedrés Gabriel Nogueiras quen nos últimos anos conseguiu destacar entre os deseñadores emerxentes do panorama nacional e internacional obtendo premios como o Mercedes BenzFashion Talent (2021 e 2022), o Allianz Ego Confident in Fashion (2022) ou o Barcelona Fashion Forward (2024). 

​Hai pouco máis dun mes e durante a súa última visita á Facultade de Humanidade e Documentación, convidado pola profesora Patricia Muñíz e no marco dos Seminarios Profesionais que financia o Campus Industrial da Universidade da Coruña, Gabriel Nogueiras retou ao alumnado do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda a desenvolver a súa faceta máis creativa facilitándolles unha tea de cor branca de 40 por 40 centímetros. Tal e como el mesmo explica, “houbo estudantes que botaron man das técnicas plásticas para plasmar as súas ideas mentres que outros e outras preferiron bordar ou mesmo esculpir esa tea”. 

​Irene, Lucas e Ainhoa foron os tres estudantes que mellor “entenderon” a filosofía de Rubearthunha firma que conecta a arte, a moda e a tecnoloxía con deseños personalizables ao tempo que aposta pola sustentabilidade e a fabricación artesá. Desde hai un par de semanas, os tres alumnos do Campus Industrial de Ferrol están a traballar, a distancia e en remoto, no estampado que plasmarán dentro dun par de meses nunha camisa e nun pantalón curto baixo a supervisión de Gabriel Nogueiras. Está previsto que estas dúas prezas se inclúan na colección de outono/inverno do ano 2026 e que se expoñan,xunto co resto de deseños deste pontevedrés, na Vasto Gallery de Barcelona en marzo de 2025. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios