‘Berenguela na gaiola’ gaña o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais na súa 4ª edición

A obra contará cun mínimo de 40 representacións nas cidades e vilas galegas grazas á colaboración de concellos e deputacións

O Teatro Principal compostelán serviu hoxe de escenario para a entrega do premio correspondente á 4ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración das Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia e Cariño e dos concellos da Coruña, As Pontes, Ames, A Rúa, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Catoira, Cedeira, Culleredo, Ferrol, Lugo, Melide, Moaña, Monforte, Muros, O Barco, O Grove, Oleiros, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Soutomaior, Tomiño, Verín, Vilagarcía, Vilalba, Vimianzo e Viveiro.

Nesta 4ª edición o premio recaeu na obra Berenguela na gaiola, con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira e presentada conxuntamente a concurso polas compañías Galeatro e Xarope Tulú sobre o texto teatral de Manuel María “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”. O elenco está formado por Alba Bermúdez, Tone Martínez e Atenea García acompañados de Nicolás Zamorano e Lorena Calvo na escenografía, iluminación e caracterización, Xavier Bertolo no espazo sonoro e Sol Álvarez no traballo audiovisual.

O Xurado estivo presidido por Manuel Lourenzo -Premio Nacional de Teatro-, actuando de vogais Vanesa M. Sotelo -directora teatral e docente na Escola Superior de Arte Dramática- e Carlos Lorenzo -Presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural-. Realizou a función de secretario, sen voto, Alberte Ansede como presidente da Fundación Manuel María.

A resolución do premio foi tomada por unanimidade e o xurado cualificou o proxecto como “sólido e solvente, ofrecendo unha proposta novidosa sobre unha das pezas máis emblemáticas de Manuel María”. Resaltou, ademais, que “a obra tende unha ponte entre a nenez e a vellez presentando con intelixencia e ironía a defensa de valores como ter dereito a un futuro libre, colocar o protagonismo feminimo no centro ou denunciar a desatención da vellez e da infancia”. Tamén valorou o xurado que a proposta gañadora “presenta diferentes capas de lectura o que lle dá unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar”, o que está reforzado pola “actualización que Paula Carballeira realiza da obra orixinal de Manuel María mantendo, ao mesmo tempo, a esencia de entretemento e compromiso que caracterizan a obra de este”.

Este Certame ten carácter bienal e está destinado ás compañías profesionais galegas. Nel prémiase a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levala á escena no prazo máximo de 10 meses. Despois estará en cartel cando menos até rematar o ano 2026.

En canto ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal que combina a axuda económica para producir o espectáculo e unha ampla xira de representacións. O galardón garante nada menos que 40 representacións en outras tantas cidades e vilas galegas grazas á colaboración das Deputacións, concellos e diferentes Mostras de Teatro. Ademais diso a propia Fundación achega 4.000 euros como axuda á produción e o CDG achega outros 15.000. O presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, resaltou precisamente a singularidade deste Certame en canto que “o mellor recoñecemento para unha obra teatral é a súa difusión pois, ao fin, o que máis desexa unha compañía profesional é chegar ao seu público.” Pola súa parte, o director do Centro Dramático Galego, Francisco Núñez, afirmou que “este certame alcanza algo imposíbel, unir tantas institucións para conseguir un circuíto inaudito no teatro galego”. E a concelleira de Cultura de Santiago, Miriam Louzao, salientou que o “certame é un espazo onde se abren portas para novas propostas, linguaxes e formas de entender e honrar a obra dun autor que tanto defendeu a nosa cultura”.

O encargado da entrega do Premio foi o propio Alberte Ansede, sendo recibido por Paula Carballeira, directora da obra premiada. No acto de entrega participaron tamén Francisco Núñez, Director do Centro Dramático Galego; Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural de Santiago así como as persoas que compuxeron o Xurado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios