Paula Prado felicita a Nava Castro por ter logrado en tan só ano e medio como rexedora o seu obxectivo de «resetear» Ponteareas e ao mesmo tempo contribuír ás vitorias electorais do partido
O PPdeG reivindicouse hoxe como o partido con máis alcaldesas de Galicia (28 en total) asegurando que, grazas a rexedoras como Nava Castro, a muller é protagonista das políticas do Partido Popular e seguirá séndoo ao longo do próximo ano 2025.
Enxalzando tamén a outras alcaldesas do sur da provincia de Pontevedra como a de Mos, a de Oia ou a de Salvaterra do Miño, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, tivo palabras ademais para grandes figuras masculinas como o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, que foi quen de transformar a Deputación nun lugar onde xa non hai sectarismos; e o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, que coñece e coida cada recuncho da provincia.
A número dous dos populares galegos, rememorando as palabras de Nava Castro durante a campaña das eleccións municipais, cando dixo que quería «resetear» Ponteareas, felicitouna por logralo en tan só ano e medio como alcaldesa e por ter ademais contribuído aos grandes éxitos electorais deste ano.
En febreiro, os veciños de Ponteareas apoiaron ao presidente Rueda con máis dun 41% de voto e, en xuño, este concello deulle ao PP máis de 3.000 votos nas eleccións europeas. Uns resultados cos que, subliñou Paula Prado, o concello pode estar tranquilo de seguir contando nos Orzamentos da Xunta.
NAVA CASTRO: «CELEBREMOS O ESFORZO E OS LOGROS ACADADOS»
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro quixo agradecer aos presentes a súa asistencia a un acto co que «non só celebramos estas datas tan entrañables, senón tamén o esforzo e os logros que acadamos grazas á vosa dedicación e apoio».
«Estes encontros lémbrannos a importancia de compartir momentos máis alá do día a día político. O Nadal é un tempo de unidade, de reforzar lazos e de renovar as enerxías para seguir traballando con ilusión e compromiso polo noso concello», asegurou animando aos asistentes a «seguir fortalecendo este proxecto común que nos motiva e nos une».