Antonio Ameijide explica que a posibilidade de que municipios rurais poidan contar con iniciativas coma esta axuda a que os concellos poidan fixar poboación, ademais de axudalos a medrar e facelos competitivos economicamente a través da creación de máis empresas e industria polo efecto tractor que xeran.
A provincia de Lugo conta con numerosos proxectos empresariais que favorecen o crecemento do territorio, fixan poboación, así como fan máis competitiva a nosa provincia.
Unha destas empresas é Fontecelta, asentada no Concello de Sarria, iniciativa que visitaron os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Héctor Corujo, xunto aos concelleiros en Sarria, Carmen José López e Ricardo Arias, onde comprobaron “o extraordinario traballo que se realiza nesta empresa.
Os populares puideron coñecer de primeira man o funcionamento de Fontecelta e interesáronse polo modelo e volume de negocio, así como polo número de empregados que ten a empresa. “É abraiante ver de preto o funcionamento dunha iniciativa empresarial coma esta, na que coidan todos os detalles para poder ofrecer o mellor produto aos consumidores finais, sobre todo, asentando a súa factoría en municipios rurais, o que axuda a fixar poboación e a que estes concellos poidan medrar economicamente e ser máis competitivos”, afirmou Ameijide.
Unha empresa que, a diario, move un elevado número de camións, polo que “para estas iniciativas é fundamental contar con vías de comunicación en boascondicións”. Neste senso, os populares comprobaron trala visita como ata esta empresa chegan varias estradas provinciais “en mal estado de mantemento, polo que é preciso unha maior preocupación por parte da Deputación de Lugo xa que con estradas en boas condicións estarían a axudar enormemente a que as nosas empresas medren e sexan máis competitivas”.