O voceiro municipal, Ramón Noceda, manifesta “de novo a falta de ideas e a improvisación constante do alcalde e o seu goberno lastra as necesidades reais da veciñanza de Carnota”
O BNG de Carnota vén de afear en pleno a través do seu voceiro municipal Ramón Noceda, que a veciñanza de Cubelo, pese as reiteradas peticións ao alcalde de Carnota Juan Manuel Saborido, teña que arranxar a estrada do lugar custeando con 12.000 euros do seu propio peto unha obra pública, ante a negativa do rexedor alegando «falta de cartos».
“Se esa suposta falta de cartos é certa non se entende que no Viso se inicie unha obra licitada e se derrube ao pouco de iniciala”, sinalaron os nacionalistas, que ademais subliñaron que “esta chapuza supuxo para as arcas municipais un despilfarro de 10.500 euros, importe moi similar ás necesidades dos veciños de Cubelo, e a perda da subvención cifrada en 31.533,81 euros”.
“De novo a falta de ideas e a improvisación constante do alcalde e o seu goberno lastra as necesidades reais da veciñanza de Carnota”, manifestou Ramón Noceda.