Alegacións de SGHN ao Proxecto Cobre San Rafael

Dentro do prazo de información pública, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) presentou as alegacións que se poden consultar íntegramente no PDF adxunto e que se resumen deseguido.

Sobre o deseño do proxecto

Máis alá de diversos estudos complementarios incluídos como anexos, o “Proxecto Cobre San Rafael” sometido a información pública é sensiblemente o mesmo que o “Proxecto Touro. Actualización del proyecto de explotación vigente de cobre de Touro. Memoria. Marzo de 2017” que recibiu, ben merecidamente, unha Declaración de Impacto Ambiental negativa. Resulta difícil de entender que se volva a tramitar novamente.

Sobre a “sostibilidade” da explotación mineira

Desbotando a posibilidade de ignorancia de coñecementos lingüísticos elementais pola empresa promotora, a afirmación reiterada de que o seu é un proxecto de “minería sostible” só pode cualificarse como un exercicio de manifesta demagoxia e deturpación da linguaxe, pois a “minería” pode ser máis ou menos respectuosa dende un punto de vista ambiental, pero, como actividade extractiva dun recurso natural NON renovable, nunca pode ser “sostible” de acordo coas acepcións admitidas do termo:

  • Dicionario Real Academia Galega. “Sostible: Que permite preservar, manter e mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro”.
  • Dicionario Real Academia Española. “Sostenible: Especialmente en ecología y economía, que se puede mantener durante largo tiempo sin agotar los recursos o causar grave daño al medio ambiente”.

Sobre o recurso auga

  • O proxecto conlevaría un gran impacto sobre os cursos fluviais (1.588 m “ocupados” e 2.030 m desviados) e os mananciais (desaparición dunha vintena).
  • Resulta francamente sorprendente que a actual calidade ecolóxica moi boa (1a) das augas do Ulla mellore ao recibir augas non tan boas (1b) do Lañas e as do regato de peor calidade dos analizados, o Brandelos con calidade “dubidosa 2”.
  • A teimuda realidade do continuo drenaxe acedo con elevadas concentracións de metais dende as superficies da antiga mina de Touro contradí a eficacia das medidas de “restauración” aplicadas ata agora e pon en cuestión a credibilidade das promesas de actuación futuras.

Sobre a suposta ausencia  do hábitat prioritario 4020 no ámbito do proxecto.

As afirmacións dos promotores do proxecto sobre a inexistencia do hábitat prioritario 4020 Breixeiras húmidas atlánticas de zonas temperadas con Erica ciliaris y Erica tetralis non se sosteñen tendo en conta tanto a documentación oficial sobre o hábitat (Ojea, 2009) como pola propia documentación do EIA nos apartados sobre edafoloxía, revexetación e proxecto de LAT.

Sobre os impactos nas especies ameazadas

No EIA non se avaliaron os posibles efectos do proxecto sobre dúas especies ameazadas (Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaicus) que manteñen poboacións tan importantes na ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza (sita a 3,7 km) como para que foran obxecto do proxecto LIFE MARGAL-Ulla desenvolvido pola Xunta de Galicia con cofinanciación da Unión Europea. Que ditas especies non teñan sido eliminados do sistema Ulla-Deza polas actuacións mineiras pasadas, NON implica que o tamaño e viabilidade das súas poboacións non foran afectados pola actividade mineira. Ao respecto convén salientar que están documentados os efectos negativos persistentes da antiga mina de Touro sobre o crecemento dos salmóns e a densidade das súas poboacións no Ulla (Morán et al., 2018).

Sobre a caracterización dos estériles de planta

Mentres que para os estériles de mina no proxecto se realizaron ensaios estáticos de 375 mostras e ensaios cinéticos de 49, para a caracterización dos estériles de planta só se analizou unha mostra e “se concluye que la muestra es no inerte, no ecotóxica y que su lixiviabilidad es baja.” No suposto “estudio ecotoxicolóxico” realizado tans se fixo un ensaio de crecemento dun único microorganismo sobre o lixiviado obtido desa única mostra. Para rematar a absoluta falla de representatividade e credibilidade dese estudio no que se “conclúe” que os estériles de planta non son ecotóxicos, o microorganismo elixido é … MARIÑO. Bótase en falla as imprescindibles análises de ecotoxicidade sobre os organismos dos solos (comunidades microbianas, micro e mesofauna, …), a flora e fauna terrestre e fluvial da zona de afectación da mina.

Sobre os Depósitos de Estériles de Planta (DEP).

Malia que se menciona ao DEP1 como un “depósito de estériles de uso temporal”, na realidade é o depósito de estériles de planta que se enchería nos primeiros anos de funcionamento da mina, pero que permanecería para sempre na súa ubicación. Tería unha capacidade de 22,8 Mm3 (34 Mt) grazas a un dique de 81 m de altura e 3.148 m de lonxitude). Ocuparía 125,78 ha e distaría 441-442 m dos núcleos de poboación máis próximos (páx. 84), cando en realidade hai vivendas deses núcleos a uns 180 m en Torreis de Arriba e a uns 280 m en Arinteiro. A empresa gábase de que “El Instituto Geológico Minero de España (IGME-CSIC), ha elaborado un informe que verifica que la instalación DEP1 cumple tanto la exigente normativa nacional (RD 975/2009), como el Estándar Global de Gestión de Relaves para la industria minera” . Pero nese informe do IGME-CSIC saliéntase que:

  •  “…se trata de un informe realizado sobre el trabajo previo presentado, que en ningún caso ha contado con la participación del personal científico – técnico del IGME-CSIC ni en el diseño del proyecto constructivo del depósito DEP1 ni en la realización de ninguno de los cálculos geotécnicos del factor de seguridad desarrollados en la memoria y documentos anexos al mismo”.
  • “… en el cálculo de la acción sísmica en la memoria del proyecto falta realizar el estudio específico del sitio para la Etapa de Postcierre como establece el Estándar Global que es para 10000 años para presas cuyo riesgo es clasificado como Muy Alto como es este caso. 
  • El diseño incluye varios canales de fondo bajo el dique y colectores bajo la lámina impermeabilizante que difícilmente (o imposiblemente) podrán ser objeto de mantenimiento tras la ejecución de la Fase I de DEP1. 3.”
  • “Los estériles de mina NAG que serán utilizados para la construcción del dique no han sido caracterizados mediante ningún tipo de ensayo de compactación in situ, aspecto que hay que solucionar durante la extracción de material para la construcción del dique, aspecto que es muy importante.
  • “… muchas de las propiedades son obtenidos de la literatura y los resultados se sustentan en hipótesis que debían ser confirmadas con los resultados de caracterización geotécnica, hidrogeológica y de instrumentación que se van obteniendo durante el proceso constructivo.”

Pola súa banda, o DEP2 tería unha capacidade de 69 Mt (50 Mm3), ocuparía 95,1 ha e estaría contido por un muro de 2806 m de lonxitude e 55-74 m de altura, con practicamente a totalidade das casas de Arinteiro a 200-300 m de distancia.

No mellor dos escenarios posibles, é dicir, admitindo unha seguridade absoluta e un risco nulo de colapso dos diques, os depósitos de estériles de planta (DEP1 e DEP2) terían un enorme impacto visual e paisaxístico para os veciños de Arinteiro, aldea que quedaría encaixada nun triángulo case equilátero no que dous dos lados serían depósitos de estériles de mina de ata 81 m de altura, cun enorme deterioro da súa calidade de vida.

Sobre a fase de post-clausura

Como se indica no informe do IGME-CSIC, “Se podría señalar también que la memoria incluye en el Anejo 10, un plan de abandono y clausura tras el periodo de funcionamiento de DEP1, tras su sellado e impermeabilización definitivo. En este anejo se menciona de forma sucinta y sin fijar ningún horizonte temporal, que … se mantendrán, el tiempo necesario, las piscinas de filtración y la planta de tratamiento de aguas para su correcto control y gestión”. Ou sexa, que nada se di sobre quen pagará e garantirá “indefinidamente” este mantemento unha vez rematada a explotación e (previsiblemente) desaparecida a empresa.

Sobre o Castro de Copa

No documento “Informe Arqueológico.pdf” sobre o castro de Copa (GA-15085002), incluído no anterior proxecto de reapertura da mina pero casualmente (?) non no presente, afírmase que:

  • “… entre 1974 y 1988, … el castro no fue alcanzado por los trabajos de excavación … estas circunstancias dieron como resultado la conservación del yacimiento; la muralla que define el recinto se mantiene en pie y su interior no fue alterado por ninguna actividad. Tan sólo insistir en el enterramiento parcial de algunos sectores de la muralla.”
  • “A partir del año 2000 comienza un proceso de regeneración medioambiental con la aplicación de “tecnosoles”… se reforestó la zona perimetral exterior que rodea la mina … con medios mecánicos que removieron todo el terreno y practicaron los surcos para ordenar la plantación. Con esta acción los restos del castro comienzan a atenuarse.”
  • “Entre los años 2010 y 2014 se produce la corta de dicha plantación y se procede a otra nueva … Estos trabajos suponen la desaparición definitiva de los restos superficiales del castro y la total remoción de los niveles estratigráficos de su interior.”

Tras sobrevivir a 15 anos de explotación mineira a ceo aberto, os traballos de “rexeneración medioambiental” (nunha zona NON afectada pola explotación mineira) que provocaron a destrución do castro de Copa foron casualmente (?) coetáneos cun forte incremento do prezo internacional do cobre, a solicitude e aprobación da demasía da mineira, a realización de novas sondaxes na mina e a obtención e/ou elaboración dunha boa parte da documentación técnica xeolóxico-mineira na que se basea a “Proxecto Cobre San Rafael”.

Fose casual ou deliberada para evitar atrancos ao novo proxecto mineiro (que pretende xustamente a instalación dunha mega-escombreira nesa zona), a destrución do Castro da Copa é un posible delito contra o patrimonio cultural que debería clarexarse para depurar as responsabilidades legais.

Sobre o estudo socioeconómico

Si ben certamente hai un problema demográfico a nivel de concello e comarca no ámbito do proxecto mineiro, a análise que se fai no “Documento Ambiental” é incompleta, errónea e interesadamente sesgada ao afirmar que “La contribución a un medio rural vivo es uno de los aspectos más positivos de las actividades mineras, creando empleo estable y de calidad a largo plazo, fijando población, y restaurando los terrenos devolviéndoles sus aptitudes agrícolas y forestales). Como amosan os datos oficiais da seguinte táboa, a realidade é que a perda de poboación na comarca e nos concellos no período 1970-91 no que estivo en funcionamento a mina foi máis forte (-29,8% na  comarca,  -22,8% no Pino e -24,5% en Touro), que no período 1991-2011 coa mina parada (-14,6% na comarca, -10,2% no Pino e -18,8% en Touro). O da antiga mina de Touro non é un caso illado, pois o mesmo está a acontecer noutras explotacións de minería metálica a ceo aberto, como a de El Valle-Boinás (Belmonte, Asturias).

Xa que logo, non cabe agardar que a reapertura da mina de cobre teña un efecto positivo na demografía.

Sobre as previsións de emprego

Comparando a capacidade de procesamento de material (15 Mt/ano en Riotinto, 8 Mt/ano previstas en Touro) e de produción de cobre metal (56.000 t/ano en Riotinto, 28.000 t/ano previstas en Touro), non resultan en absoluto cribles as previsións de postos de traballo para Touro (421 directos e 1.200 indirectos) tendo en conta a realidade do proxecto Riotinto de Atalaya Mining en Huelva (450 empregos directos e máis de 600 indirectos; https://riotinto.atalayamining.com/la-mina/).

BIBLIOGRAFÍA CITADA

  • Morán, P., Cal, L. Cobelo-García, A., Almécija, C., Caballero, P., García de Leaniz, C. 2018. Historical legacies of river pollution reconstructed from fish scales. Environmental Pollution 234, 253-259.
  • Ojea, F. (2009).  4020 Brezales húmedos atlánticos de Erica ciliaris. En: Bases ecológicas preliminares para la conservación de los tipos de hábitat de interés comunitario en España.  Dirección General de Medio Natural y Política Forestal (Ministerio de Medio Ambiente, y Medio Rural y Marino).
Comparte éste artículo
No hay comentarios