Os filiais empatan a vitorias e derrotas cos betanceiros.
Nova xornada para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos no Grupo AB da Tercera FEB (antiga liga EBA). Nesta ocasión, e coa idea de esquecer canto antes a derrota na casa fronte a Perfumerías Avenida que cortou a racha ganadora dos betanceiros, os de Doc visitan o Milladoiro para medirse ao filial do Obradoiro CAB, o Obradoiro Ames. O equipo de Marín Guerreiro, que xa gañou no Carregal por 69-84, é un conxunto cunha ampla rotación, xa que adoita convocar tamén xogadores de Primeira Nacional e do equipo júnior, moito máis perigoso do que poida parecer de atendermos á clasificación. Sétimos na táboa, con 7 vitorias e 9 derrotas, a súa irregularidade non impediu que estivese a piques de levar a semana pasada a vitoria fronte ao todopoderoso Círculo Gijón despois de gañar a Ávila auténtica, un dos outros galos da categoría, por 92-
61.
Así valora o partido Antonio Díaz “Doc”, o adestrador dos betanceiros: “Os equipos filiais sempre son difíciles, con xogadores en continua progresión. Será un partido onde haberá que controlar o ritmo de xogo e minimizar as perdas, xa que son moi intensos en defensa e moi perigosos a campo aberto. Quen mellor xestione o ritmo de partido terá máis posibilidades de levalo”.
O partido terá lugar o domingo 16 ás 17h no pavillón do Milladoiro (Ames) e poderá seguirse en streaming via a canle de Youtube do Obradoiro.
Partidos para todos os gustos en Betanzos
Polo demais, a fin de semana programa partidos para todos os gustos, nunha xornada en que boa parte dos equipos do club xogan os seus partidos na casa. Abre a mesma La Goleta o venres, que se medirá ao Paiosaco nas Mariñas ás 21.30h, en partido aprazado, encontro que se ha sumar ao partido que os levará a Ferrol o sábado para medirse a Costa Ártabra. Tamén teñen dobre cita o sénior feminino do Grelo: sábado 18h nas Mariñas contra Club Baloncesto do Lea e domingo no municipal ás 19h contra Kempape. O equipo de Segunda Autonómica desprázase a Sarria, os júnior masculino reciben o domingo ao Escravas e os Grelo cadete masculino visitan Culleredo. Outros partidos interesantes son os dos infantís do J. Caamaño Arquitecto de Primeira División, que reciben o Montrove en Betanzos (sábado 12h) ou os infantís da Piccola que se miden, tamén en Betanzos, ao Costa da Morte. Descansan as júnior feminino do Infor-B e o Cadete Rojo.