Os betanceiros, que remontaron un -14, pagan caros tres tiros libres a falta de 6 segundos.
Partido de alternativas o que se viu na tarde deste domingo no Milladoiro entre Obradoiro Ames e Ineltrón Santo Domingo Betanzos, dous equipos que ata esta mesma xornada empataban na clasificación. Comezou ben o equipo de Doc, cun Dani Martín implacable na entrada a canastra, e se os betanceiros non marcharon con máis vantaxe ao descanso entre cuartos (21-23) foi por un cúmulo de precipitacións que aproveitaron os filiais para practicamente neutralizar un +6 dos betanceiros a falta de pouco máis de un minuto para o remate. A partir de aí, un carrusel de emocións: parcial de +20 para os de Ames, reacción dos betanceiros para marchar ao descanso 10 abaixo (47-37) e unha segunda parte na que, a forza de picar pedra, os de Doc conseguiron darlle a volta ao partido, ata poñerse +5, e máis tarde, tras parciais de ambas as dúas escuadras, pór un 78-81 no marcador, a falta de 20 segundos, que situaba virtualmente os betanceiros no sétimo posto da clasificación.
A partir de aquí, o dilema que xa se deu contra o Universidade de Oviedo, nunha situación semellante: facer falta rápida e levar o rival á liña de tiro libre? Defender ata o final o ataque rival? Fose como for, falta sobre Bocca na tripla a falta de 6 segundos, o arxentino converte os tres tiros e Dani Martín non acerta no tiro final. Prórroga. E o 6-0 co que se iniciou o 5o período foi determinante, xa que o intercambio de canastras posterior acabou levando o partido a un 101-96 final que deixa un mal sabor de boca a un equipo que estivo acariciando un paso de xigante cara a salvación virtual nesta liga.
Bo partido de Dani Martín (máis unha vez, incisivo e serio nas súas decisións), fundamental outra volta Abelleira (31 de valoración) e un Brezo que volveu sumar bos números. Mágoa o desacerto no tiro libre en momentos fundamentais e esa última xogada do 4Q que, en certo modo, volveu ser un dèja vu do que pasou en Oviedo.
Así valoraba o partido Antonio Díaz, Doc, o adestrador dos betanceiros: “Creo que nos penalizou o segundo cuarto. Logo recompuxémonos e entramos nunha fase do partido na que tocou remontar e remontar. Estivemos ben atrás e con acerto. Mágoa a falta final e os tiros libres acertados por eles. Na prórroga chegaron con máis pernas ca nós. E nada. Sabemos que o calendario é complicado e toca e temos que dar o máximo para intentar sacar algún partido máis. Pero iso xa o sabíamos. Seguiremos traballando!”. Próxima parada, un óso ben duro de roer: Marín Ence Peixe Galego.