A Facultade de Informática da UDC acolle esta maratón de programación na que as persoas participantes resolven retos tecnolóxicos e compitenpor premios superiores aos 3.000 euros.
A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña (UDC) será a sede esta fin de semana dunha nova edición do HackUDC, o maior hackathon de Galicia. Desde o venres, 21 de febreiro, e ata o domingo, día 23, un total de 304 estudantes procedentes de 5países e 75 localidades daranse cita na FIC, para traballar en equipo resolvendo retos tecnolóxicos formulados por empresas líderes do sector e competindo por premios que superan os 3.000 euros. O único requisito é que os proxectos presentados se realicen baixo unha licenza de software libre.
O evento, organizado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), busca fomentar a creatividade, a innovación e a colaboración na resolución de problemas tecnolóxicos en contornas reais. Ademais, o HackUDC destaca polo seu compromiso co software libre, promovendo o uso de solucións abertas e accesibles para todos.
A cerimonia de apertura terá lugar o venres ás 19:00 horas no salón de actos da Facultade de Informática e contará coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao, e a vicerreitora de Estudantes, María José Lombardía.
Un hackathon con diversidade académica e xeográfica
Os participantes do HackUDC 2025 proceden de diversas titulacións universitarias e niveis educativos. A maior parte do alumnado pertence a graos e másters en Enxeñaría Informática, pero tamén hai presenza significativa de estudantes de Telecomunicacións, Matemáticas, Física e outras disciplinas STEM. Ademais, a competición acollerá alumnado de formación profesional e doutros niveis educativos, reforzando a diversidade e a aprendizaxe interxeracional.
No ámbito xeográfico, os participantes chegan de 5 países diferentes: España, Portugal, Italia, Francia e Alemaña. Tamén se contará con estudantado de 75 localidades distintas, o que reflicte o crecemento e a proxección internacional do evento.
Un evento de alto impacto
Desde a súa primeira edición en 2023, o HackUDC triplicou o número de asistentes, consolidándose como un referente no panorama tecnolóxico. A edición de 2025 contará cun espazo totalmente equipado con zonas de traballo, no que, ao longo da fin de semana, haberá charlas e mentorías a cargo de profesionais do sector.
Os retos, formulados por empresas patrocinadoras, abordarán áreas como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a computación na nube e o desenvolvemento de aplicacións innovadoras. Aquelas solucións que mellor respondan ás necesidades expostas poderán optar aos premios económicos e a futuras oportunidades de colaboración con empresas do sector.
O HackUDC 2025 é unha oportunidade única para que estudantes e profesionais conecten co ecosistema tecnolóxico galego e internacional, reforzando a UDC como un epicentro de innovación e talento tecnolóxico.
Nesta edición, os asistentes tamén disporán de actividades paralelas que fomentarán o networking e a cooperación entre estudantado, profesorado e representantes de empresas. Haberá espazos dedicados á experimentación con novas tecnoloxías e exposicións de proxectos destacados en edicións anteriores.
O evento conta co patrocinio das empresas Gradiant, Denodo, Nomasystems Kelea, InditexTech, Managament Solutions, Dinahosting, e a cátedra CICAS (SNGULAR). Tamén colaboran AMTEGA, AstroCafé, GADIS e Perusiñas.