A Deputación da Coruña realiza un investimento récord de 15,9 M€ nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal

O presidente, Valentín González Formoso e a deputada de plans Cristina García presentaron hoxe en Narón o balance do POS+ nos concellos da comarca, onde se financiaron 884 obras e se investiron 136,3 millóns de euros.

A Deputación da Coruña inicia o ano cun investimento histórico nos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal a través do Plan Único (POS+2025), que destina 15.920.539 euros á zona. Esta cifra supón un incremento do 72% respecto ao orzamento inicial do ano pasado, converténdose no maior investimento inicial desde a creación do plan en 2017.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, xunto á deputada de Plans, Cristina García Rey, visitou esta mañá o Concello de Narón, onde foron recibidos pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e os membros da corporación municipal para presentar o balance do POS+ nos concellos da comarca. Desde a súa posta en marcha, o Plan Único leva mobilizados preto de 136,3 millóns de euros nos municipios da área de Ferrolterra, permitindo financiar 884 obras e numerosos servizos públicos e programas sociais.

Durante o acto, Formoso destacou que «estamos ante o Plan Único co maior orzamento inicial da historia da Deputación», subliñando a súa importancia para que os concellos, independentemente do seu tamaño, poidan executar proxectos clave en infraestruturas, servizos municipais e benestar social. “Falamos de mellora de rúas e espazos públicos, de servizo de axuda no fogar para os maiores, de novos espazos culturais e deportivos ou de escolas infantís”, sinalou.

Falta de financiamento local da Xunta

Tamén puxo o foco no impacto do aumento dos custos nos servizos municipais e na falta de apoio da Xunta de Galicia, que obriga ás administracións locais a asumir competencias autonómicas sen o financiamento axeitado. “Mentres o Fondo Galego de Cooperación Local da Xunta destinou 116 millóns aos 313 concellos de toda Galicia, a Deputación investiu o ano pasado máis de 100 millóns só nos municipios coruñeses. Este 2025, a Deputación investirá máis na provincia Coruña que a Xunta en todos os concellos das catro provincias galegas”, afirmou o presidente, que fixo un chamamento “a que o plan da Xunta de Galicia incremente ata os 200 millóns de euros para toda Galicia, que non é un gran incremento, pero si establecería unha dinámica de crecemento e non de decrecemento como estamos a ver”.

Formoso incidiu tamén no importante impacto que o Plan Único ten sobre a creación de emprego, xa que segundo os estudos económicos cada millón de euros investido  xera 17 postos de traballo, o que significa que, desde a súa implantación, o programa contribuíu a crear ou manter máis de 12.000 empregos na provincia da Coruña. Este efecto multiplicador é especialmente relevante en sectores como a construción, os servizos municipais e as iniciativas sociais.

O financiamento de proxectos a través do Plan Único tamén incentiva a actividade empresarial local, ao permitir que pequenas e medianas empresas accedan a contratos para a execución de obras públicas e servizos municipais. Así, estímase que unha parte importante dos fondos revertidos nos concellos acaban por reforzar o tecido produtivo galego.

Pola súa banda, a deputada de Plans Provinciais, Cristina Rey García, sinalou que o Plan Único é “a principal ferramenta de financiamento para os concellos”, e representa nalgúns casos, “o 30 % dos orzamentos municipais, polo que é esencial para a súa supervivencia”. Ademais, “nace co obxectivo de darlles autonomía e que sexan eles os que deciden en que proxectos invisten os fondos públicos en función das súas realidades e necesidades” o que posibilita que “se promovan iniciativas que melloran a calidade de vida e o benestar da veciñanza”.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, agradeceu as achegas da Deputación: “Nos axudan a materializar as nosas inversións e as demandas que temos no noso concello”. “Presentamos melloras en accesibilidade, melloras viarias, melloras e equipamentos municipais, ampliación de redes de servizos… e así completamos o que tiñamos previsto para Narón neste exercicio”, definiu.

Un financiamento sen precedentes para os concellos

Os 20 concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal recibirán un investimento récord na primeira achega do Plan Único de 2025. Narón ecabeza a listaxe con 2.126.436 euros, seguido de As Pontes (1.766.577 ),  Ortigueira (1.467.662 €) e Monfero (962.510 €). Fene, Valdoviño, Pontedeume, Cedeira, Mugardos, Neda ou As Somozas, entre outros, tamén verán notablemente incrementadas as achegas da Deputación para acometer proxectos estratéxicos en infraestruturas, servizos sociais e dinamización local.

O POS+2025 permitirá mellorar estradas, abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, destínanse 7 millóns de euros en toda a provincia –1,3 millóns nos concellos de Ferrolterra– a reforzar programas sociais municipais para os colectivos máis vulnerables.

Un modelo de éxito recoñecido

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único consolidouse como o maior programa de obras e servizos das deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado. O modelo do POS+ simplifica a xestión administrativa e garante que os concellos poidan decidir con autonomía o destino dos fondos segundo as súas necesidades.

Narón é un exemplo do impacto positivo do Plan Único, con melloras en infraestruturas, servizos públicos e dinamización da actividade social e económica.

Desde 2017, o municipio recibiu preto de 17,5 millóns de euros, que permitiron financiar un total de 63 obras e numerosos proxectos fundamentais para a veciñanza, entre eles o campo de tiro con arco do polígono de Río de Pozo, que supuxo un investimento de 364.180 euros, e que hoxe  hoxe supervisaron o presidente da Deputación, a deputada e o alcaldesa de Narón.

 CONCELLO 2025     TOTAL2017-2025 OBRAS 
Ares520.706,61 €3.901.468,34 28
Cabanas487.362,44 €4.397.008,84 43
Capela (A)436.454,75 €3.635.702,81 23
Cedeira831.787,83 €6.780.893,48 39
Cerdido408.020,75 €3.228.347,93 31
Fene878.351,33 €8.506.940,02 56
Ferrol697.418,34 €7.627.228,58 68
Mañón584.017,06 €5.303.797,59 57
Moeche435.800,12 €3.486.535,04 36
Monfero962.510,30 €8.867.910,87 35
Mugardos489.601,36 €3.992.745,30 40
Narón2.126.436,17 €17.485.238,36 63
Neda481.840,22 €4.092.501,97 40
Ortigueira1.467.662,65 €11.587.555,56 65
Pontedeume672.281,78 €5.170.195,12 32
As Pontes1.766.577,45 €16.589.829,44 89
San Sadurniño718.105,29 €5.808.271,65 45
Somozas (As)562.393,77 €4.982.385,32 44
Valdoviño860.959,53 €6.939.332,37 29
Cariño532.251,34 €3.950.377,32 21
TOTAIS15.920.539,09 136.334.265,91 884
Comparte éste artículo
No hay comentarios