O Oposita Marín Ence Peixegalego, 3o na clasificación, visita o Carregal o domingo.
Nova xornada do grupo AB da Tercera FEB (Antiga Liga EBA). Nesta ocasión, e tras dúas derrotas consecutivas (a última marcada pola mala fortuna), o Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe na casa a un dos equipos punteiros da competición, o Oposita Marín Ence Peixegalego, conxunto que ocupa a terceira praza do grupo, ben que empatado a puntos co segundo. Os de Javi Llorente, que só perderon 4 dos seus 17 partidos disputados, pasan por ser un dos equipos co plantel máis completo, ao sumar coñecidos veteranos na categoría coma Jacobo de Benito, Javier Cardito ou Kevin van Wijk, a novas fichaxes cun excepcional rendemento en liga coma o estadounidense Wildens Carl Leveque, unha das revelacións da temporada, ou o seu compatriota, nacionalizado portugués, Joseph Luke Reilly, que atesoura máis de 18 puntos por partido. Xunto a eles, unha nómina que fai saltar todas as alarmas: Manuel Varela Barcia, Darmell Willian Hogan, Paz Cacheiro.
Así ve o partido Antonio Díaz “Doc” o adestrador dos betanceiros: “Ambos os dous equipos vimos de dúas derrotas, así que o partido cobra especial importancia: eles para non descolgarse dos postos de ascenso e nós para intentar distanciarnos dos de descenso. Porén, somos conscientes da dificultade xa que temos baixas e a nosa plantilla é moi curta. Os que esteamos, darémolo todo para intentar levarnos a vitoria”. A cita, o domingo 23, no Municipal, no horario habitual: 17h.
Dobre xornada clave para os infantís do J. Caamaño Arquitecto
Polo que toca ao resto do club, a fin de semana do 22-23 de febreiro, axenda un dobre enfrontamento do equipo infantil de Primeira División (sábado 12h contra Novobasket no Carregal, domingo 12h contra Obradoiro en Santiago) que se antolla clave para dilucidar as expectativas do equipo de Toni Seijo, Alberto Caamaño e Carlos Gómez na Liga. Outros partidos interesantes na xornada son o dos júnior masculino contra Basquet Coruña (sábado 16h), o das júnior femenino do Infor-B na pista de Maristas (sábado 20h) ou o dos cadetes masculino do Grelo perante Arteixo. Os equipos mini do Cyrdega e Coruña Interiores xogan a súa xornada no Vales o domingo e as cadetes de Decornaveira visitan a pista do Basquet Coruña. No que respecta aos equipos sénior, o Grelo feminino e o masculino de 2a xogan na casa (contra Arteixo e Rías Baixas) e La Goleta, o conxunto de 3a, visita a pista do Liceo.