Rosa Ana García destaca “a relevancia do sector audiovisual en Galicia” e “o compromiso da Deputación da Coruña coa innovación dixital”

A deputada participou esta mañá en Carral no evento ‘Animación en Serie’, dedicado ás series de animación infantil producidas en Galicia.

A deputada de Industria, Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, participou na mañá de hoxe, venres 28 de febreiro, no evento ‘Animación en Serie’ que se celebra no centro Amiga Space de Carral.

A apertura da xornada, dedicada ás series de animación infantil producidas en Galicia e que reúne a destacados profesionais do sector co obxectivo de poñer en valor a industria da animación como motor económico e cultural na comunidade, correu a cargo da deputada provincial, Rosa Ana García; do alcalde de Carral, Javier Gestal; do vicepresidente da Agrupación Industrial Audiovisual de Galicia, Gaspar Broullón; e do director de Amiga Space, Xosé Zapata. 

Durante a súa intervención a deputada destacou “o papel chave da animación, como unha das formas máis potentes de arte e comunicación na actualidade” e subliñou “a relevancia do sector audiovisual en Galicia”. Así mesmo puxo en valor “o compromiso da Deputación coa innovación dixital e a formación da xuventude en novas tecnoloxías, promovendo iniciativas educativas en animación, efectos visuais e programación, con especial atención á redución da fenda de xénero no sector”.

Animación en serie’

O evento incluíu diversos relatores e mesas redondas centradas na creación e produción de series de animación galegas, así como na súa proxección internacional, que permitiron a estudantes e profesionais do sector da animación vivir a experiencia de producir unha serie de animación.

Entre as actividades destacadas, presentouse o proceso de desenvolvemento da serie “Bibopalula” polo seu equipo creativo e abordouse a creación de marcas internacionais desde Galicia coa participación de Ton Pernas, Creador de “The Wawies” e director creativo de Wawaland Planet.

Ademais, tratouse a temática da coprodución internacional desde Galicia, coa intervención de Xosé Zapata (produtor), David Saborido e Laura Blanco (animadores), quen compartiron a súa experiencia na industria.

O evento concluíu coa mesa redonda «Animando Galicia», na que trataron os desafíos de producir animación en Galicia e na que participaron expertos do sector como Yago Fandiño, director de Contidos Infantís de RTVE e Clan TV; María Sabucedo, directora das plataformas Xabarin.gal e Agalega.gal; Xosé Zapata, produtor de «O Diario de Alice»; Ton Pernas, creador de «The Wawies»; e Álvaro Pérez, produtor de «Bibopalula».

Comparte éste artículo
No hay comentarios