María SOA e Sara Faro convidan ao público a tecer con elas, semanalmente, os retallos que conforman o universo Hibernarse, que se desvelará por completo o 10 de abril e cuxo formato físico se poderá reservar na páxina web de Altafonte.
Fillas de Cassandra presenta esta primavera Hibernarse, un proxecto híbrido, multiformato e singular no que o dúo reflexiona sobre o concepto de tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo deste universo componse dun EP cuxa primeira entrega se poderá escoitar o vindeiro xoves 20 de marzo, a partir das 00.00 horas, nas principais plataformas dixitais.
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, o dúo pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
A través desta proposta, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír a man e fiar peza a peza, semanalmente, o universo Hibernarse, un traballo conceptual no que o dúo fai reflexivos verbos que non o son para observarse desde ángulos non explorados até o de agora.
O xoves 20 de marzo o dúo lanzará o sinxelo Hibernarse. Será a primeira entrega dunha serie de propostas artísticas que Fillas de Cassandra dará a coñecer, cada sete días, até o 10 de abril. Nese momento, o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte Music Spain e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.