Un Ineltrón Santo Domingo en mínimos roza a vitoria en Ávila

A falta de rotación e a mala porcentaxe en tiro exterior sentencia os betanceiros

Non o tiña fácil o Santo Domingo. Se a expedición betanceira xa viaxou a Ávila con só 8 xogadores, as molestias que arrastraba Dani Martín fixérono abandonar a pista aos cinco minutos de pisala. Así as cousas, con sete xogadores útiles e unha canastra empeñada en non conceder unha soa tripla (o 3/27 final fala ás claras do que sucedeu a noite do sábado no Carlos Sastre) os de Doc fixeron o posible e o imposible, a pesar das precipitacións e algún que outro clamoroso fallo baixo o aro) para manter “quente” o partido ata o final.

Se o primeiro cuarto, tras un prometedor 2-6 para os de Betanzos, reflexaba unha patente igualdade (20-16), o descanso deixaba abertas todas as posibilidades para o remate (35-30). O terceiro período -o peor dos visitantes- iniciouse cun guión que tardou un tempo en cambiar: aproximación betanceira e “estirón” dende a liña de 6,75 dos abulenses (as súas 14 triplas, fronte ás 3 do Santo explican ben o resultado final). Porén, os locais, liderados por Mario Linde, conseguiron acelerar aínda un pouco máis e levaron a diferenza a un +16 que parecía definitivo. E aquí
apareceu, aínda que só fose durante uns minutos, o Santo das grandes ocasións: empate a 57 e, tras intercambio de canastras, 2 puntos arriba para os betanceiros. Sumou dous ataques o Óbila, acertou Luis Portilla dende a tripla e o 67-66 a falta de tres minutos deixaba abertas todas as posibilidades. Con todo, dúas controvertidas faltas en ataque pitadas aos de Doc e a precipitación final colocaron ese definitivo 76-67 que golpea duro no eixo de flotación a un equipo que leva merecendo máis durante as últimas xornadas.

Bos números de Sanjurjo e Abelleira, máis unha vez, meritoria aportación de Latas, malia ter opcións de sumar varias canastras máis á súa conta, e un Brezo, castigado polas faltas, que apareceu nos momentos máis importantes do partido.

Así vía o encontro Antonio Díaz “Doc” antes de emprender a viaxe de volta: “Unha pena. Esa é a realidade. Viñamos con oito xogadores e Dani resentiuse da lesión: quedamos con sete. Non circulamos o balón o ben que deberíamos na primeira parte e iso tróuxonos como castigo contras deles e canastras fáciles, ademais de rebotes que non soubemos asegurar. Na segunda parte apertamos en defensa, movemos máis a pelota e conseguimos empatar e logo poñernos por diante. Pero algunhas malas accións individuais, un par de triplas en contra e outras tantas decisións arbitrais un tanto discutibles, acabaron coas opcións dun grupo que chegou moi castigado aos momentos finais. Quedo coa capacidade de competición dun grupo moi reducido que deu todo o que puido ata o remate”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios