O estudo integra a investigación e innovación nos sistemas de drenaxe urbana (SDU) para enfrontar desafíos que abranguen desde a saúde pública ata o risco de inundacións e outros problemas derivados do cambio climático.
O proxecto Co-UDlabs, financiado polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea, naceu hai catro anos co obxectivo de integrar a innovación e as actividades de investigación no eido da drenaxe urbana a través dunha rede de infraestruturas que ofrecen acceso transnacional gratuíto a máis de 200 persoas usuarias involucradas en 31 proxectos multidisciplinares.
Trátase dunha iniciativa europea levada a cabo por un consorcio formado por nove entidades de sete países: a Universidade da Coruña, en España; a University of Sheffield, no Reino Unido; a Aalborg University, en Dinamarca; o Institut National des Sciences Appliquées (INSA) de Lyon, a sociedade Euronovia, e a organización sen ánimo de lucro GRAIE, en Francia; o Instituto Deltares, nos Países Baixos; o IKT – Institute for Underground Infrastructure, an Alemaña; o EAWAG – Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology, en Suíza.
Durante o Infoday do proxecto, celebrado na Fundación Galicia Europa de Bruxelas, José Anta Álvarez, coordinador do mesmo e investigador no Grupo de Investigación Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC (CITEEC), ofreceu unha visión xeral destes catro anos de Co-UDLabs, as súas actividades, obxectivos e resultados acadados.
Co-UDlabs defínese como unha iniciativa INFRAIA Starting Community de Horizonte 2020 que busca integrar as actividades de investigación e innovación no campo dos Sistemas de Drenaxe Urbana (SDU) para abordar os desafíos de saúde pública e os riscos de inundación e ambientais.
A investigación destaca a importancia dos SDU para a xestión segura de augas pluviais e residuais. Con todo, estes sistemas enfróntanse a desafíos significativos, como o incremento da vulnerabilidade a inundacións e contaminación acuática debido ao cambio climático e a urbanización, o deterioro das infraestruturas, a complexidade e condicións ambientais adversas e a limitación dos enfoques tradicionais, sendo necesaria a implantación de solucións baseadas na natureza (SbN), como os Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS) debido á inviabilidade económica dos métodos convencionais.
A pesar destes desafíos, os avances en investigación permitiron atopar novas oportunidades emerxentes, como a dixitalización da auga, os novos enfoques de modelado, como a utilización de xemelgos dixitais ou o papel crucial das infraestruturas de investigación para xerar confianza nas novas tecnoloxías de maneira máis eficiente, rápida e segura antes da súa extrapolación a gran escala en contornas reais.
Co-UDlabs conta con tres obxectivos clave: fomentar unha cultura de cooperación coa organización de actividades de networking, facilitar o intercambio e a investigación colaborativa ofrecendo acceso transnacional (TA) gratuíto a una infraestrutura de investigación única e fortalecer os servizos elugares dispoñibles para a comunidade da drenaxe urbana.
Actividades Conxuntas de Investigación
O proxecto traballa na actualidade en tres actividades conxuntas de investigación diferentes, pero conectadas entre si, para avanzar e innovar en áreas da drenaxe urbana: a detección e vixilancia intelixente en drenaxe urbana, que busca novas tecnoloxías e métodos para axilizar a transición cara a unha toma de decisións dixitalizada, sensorizada e baseada en evidencias; a avaliación da deterioración de activos nos SDU, co fin de aumentar a súadurabilidade; e a mellora da resiliencia e sustentabilidade das solucións que se propoñan, para demostrar como unha drenaxe urbana máis eficiente e sostible é esencial para reducir as consecuencias da contaminación e inundacións ante eventos extremos.
Un futuro prometedor
Nestes catro anos a rede de Co-UDlabs apoiou á comunidade de investigación en drenaxe urbana, aos operadores de infraestruturas hídricas, aos reguladores e ás administracións locais para abordar os desafíos de sustentabilidade social, ambiental e económica que afectan cada vez máis a forma en que se deseñan, constrúen e regulan os SDU. Segundo afirman desde o equipo de investigación, “a pesar do progreso significativo realizado neste período, considérase que moitos resultados están por vir, xa que os prazos de investigación xeralmente non coinciden cos períodos de financiamento”.