Iria Buide e Iria Castro presentan aos centros de ensino de Lugo o programa Da Escola á Granxa

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, e a Deputada Provincial responsábel da área de Cultura, Iria Castro, mantiveron un encontro con representantes da comunidade educativa de Lugo onde presentaron o proxecto «da Escola á Granxa», que financia actidades educativas en granxas, producións agrarias e proxectos de emprendemento no rural.

A convocatoria, que conta cun orzamento de 200.000 euros, está aberta a asociacións de nais e pais de centros de educación infantil e primaria, que recibirán achegas de ata 1000 euros para financiar o custo da actividade e o desprazamento ata as granxas e producións agroalimentarias que elixan entre as 45 participantes.

O programa ampliou e diversificou un ano máis a súa proposta educativa coa incorporación de 13 granxas novas respecto á última edición, a maioría delas proxectos familiares, que teñen en común a aposta pola diversificación produtiva e pola produción ecolóxica.

Iria Buide animou á comunidade educativa «a participar nun programa que cadan ano demostra a potencialidade da actividade agrogandeira de Lugo, amosando ás nenas e nenos producións diversas, desde mel, froita e produtos da horta, ata a cría de gando ademais da elaboración de productos como lácteos, marmeladas, embutidos, galletas ou conservas». A Deputada de Cultura, Iria Castro agradeceu “a implicación das granxas participantes, que deseñan actividades para os nenos e as nenas que as visitan, amosando a importancia do sector primario na produción de alimentos e na conservación do territorio”.

O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o luns 21 de abril. Os modelos a cumprimentar estarán dispoñibles na web da área de Rural da Deputación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios