O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación dos concertos da novena edición, que contará con grupos e artistas como The Undertones, Christina Rosenvinge ou Grande Amore.
A Xunta de Galicia renova un ano máis a colaboración co festival de música independente Facela Fest, que se celebrará na capital lucense os días 8, 9 e 10 de maio.
O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación dos concertos desta novena edición xunto cos organizadores, Celestino Muinelo e Suso Rielo, e membros doutras institucións implicadas.
Entre os grupos e artistas confirmados figuran The Undertones e Christina Rosenvinge, xunto con outros nomes nacionais e internacionais como VVV [Trippin’you], Margaritas Podridas, Stompin’ Riffraffs, Marcelo Criminal, Black Ends, Kokoshka e Las Petunias.
Tamén haberá presenza de bandas de Lugo e doutros lugares de Galicia como Grande Amore, Moloch, Pladür, Jade 4 ou Los Revelators.
Arias felicitou aos promotores “polo nivel das actuacións das que poderemos desfrutar en directo en Lugo no marco deste festival” e valorou que sigan apostando “por darlle espazo á música de calidade feita en Galicia”.
Subliñou así mesmo o impulso que está a coller o Facela Fest dentro do circuíto de festivais de música galegos, “que teñen un notable impacto económico e turístico nos lugares que os acollen”.
A inauguración está prevista para o xoves 8 de maio no Club Clavicémbalo; mentres que os concertos do venres 9 e o sábado 10 serán no exterior do auditorio Gustavo Freire. As entradas poden adquirirse a través da páxina web do festival.