O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas por grupos de produtores, dotadas con 3 millóns de euros neste 2025, dos cales 2 millóns son para a presente anualidade e o millón restante para o 2026.
Estas achegas, concedidas ao abeiro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 23–27, teñen como posibles beneficiarios os consellos reguladores e outras agrupacións nas que participan produtores -entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias e os das instalacións de transformación- de alimentos galegos acollidos aos diferentes réximes de calidade, isto é, denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP), produtos ecolóxicos ou de artesanía alimentaria.
Serán subvencionables as actividades destas agrupacións enmarcadas en proxectos de cooperación dirixidos a inducir o consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de réximes de calidade. En particular, serán aquelas que se realicen no marco de accións promocionais, publicitarias ou de información e difusión dos requisitos técnicos dos réxime de calidade e coñecementos científicos relacionados con el.
Ademais, tamén se ten en conta a organización de misións comerciais directas ou inversas, a elaboración de plans estratéxicos, estudos técnicos, de mercado, de concepción e a creación de produtos dentro do marco definido no prego de condicións de cada réxime, así como a preparación de material divulgativo e de promoción. Por último, inclúense accións dirixidas á organización, o patrocinio e/ou a participación en foros, intercambio de coñecemento entre empresas, concursos, exhibicións, exposicións, feiras, visitas educativas e outros eventos.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250402/AnuncioG0528-250325-0001_gl.html.