O PSdeG esixe protección para o emprego de Sargadelos en Cervo e para o legado cultural que representa

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia e secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, sinalou a  “profunda preocupación” dos e das socialistas galegas ante a situación que atravesa Sargadelos, tras coñecerse esta mañá a intención da dirección de  pechar a planta de Cervo.

Méndez explicou que o Grupo Socialista vén de rexistrar  no Parlamento unha batería de iniciativas para esixir á Xunta explicacións sobre o que está a acontecer coa empresa. “Queremos saber que medidas vai tomar o Goberno galego ante unha situación que, de confirmarse, suporía un duro golpe para o emprego na Mariña e para o futuro dunha marca que forma parte da nosa identidade colectiva”, indicou.

A dirixente socialista subliñou que a preocupación non é só pola destrución de postos de traballo, “senón tamén porque estamos a falar dunha empresa que é símbolo de Galicia, recoñecida dentro e fóra do país, e cunha enorme carga histórica, cultural e emocional”.

Lara Méndez instou á Xunta a actuar con responsabilidade e transparencia, e a poñer todos os mecanismos ao seu alcance para garantir a continuidade da actividade de Sargadelos e a protección dos empregos na comarca.

“Galicia non pode permitirse perder Sargadelos nin mirar para outro lado mentres se poñen en risco proxectos que forman parte do noso patrimonio colectivo”, concluíu.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios