Noelia Martínez Canosa leva ao pleno o problema da calor nas escolas de Arteixo

A concelleira arteixá, Noelia Martínez Canosa, presentará unha moción no pleno ordinario do mes de abril para demandarlle solucións ao Concello e á Xunta de Galicia ante a grave problemática que veñen sufrindo tanto alumnos como profesores como consecuencia das altas temperaturas nas aulas dos centros educativos de Arteixo.

“O cambio climático está a xerar un aumento das temperaturas medias provocando ondas de calor cada vez máis frecuentes, intensas e que chegan antes, o cal tamén está a provocar unha situación insostible en moitas aulas de centros educativos que non están adaptados para facer fronte a ondas de calor, e é por isto, que urxe a adaptación e a rehabilitación enerxética dos centros educativos para combater as altas temperatura que sofren alumnado e profesorado en período escolar debido ao adianto e prolongación do verán como consecuencia da crise climática.

O cambio climático está a facer que nos últimos anos o verán adiántese e prolónguese alcanzando temperaturas superiores aos 30 ºC nos meses de maio, xuño e setembro, meses incluídos no calendario escolar -ou mesmo antes, como ocorreu este ano a primeiros do mes de abril-. Con todo, a maioría dos colexios e garderías foron construídos antes de que existisen criterios de eficiencia enerxética polo que non están adaptados para facer fronte a estas ondas de calor.

A mellora do illamento de tellados e fachadas, o cambio de xanelas, o uso de técnicas pasivas de ventilación, a instalación de equipos de climatización, a instalación de paneis solares fotovoltaicos para o autoconsumo de enerxía comunitario ou o incremento da vexetación nos patios de recreo para xerar zonas de sombra son algunhas medidas de adaptación que deben poñer en marcha e desenvolver canto antes as administración competentes e responsables dos diferentes centros educativos e garderías” apuntan a Concelleira Noelia Martínez Canosa.                 

“As ondas de calor teñen efectos significativos na saúde e o benestar da poboación e, as cales tamén afectan negativamente o rendemento académico.

As escolas atópanse entre os espazos máis cruciais para garantir a saúde, o benestar, o desenvolvemento e a aprendizaxe efectiva do alumnado, así como unhas condicións de traballo saudables e seguras do persoal dos centros educativos. Pero, polo xeral, os centros educativos son os únicos edificios públicos nin equipados nin adaptados para un óptimo confort térmico. Moitos dos edificios son vellos e con deficiencias no illamento, foron construídos nunha época na que se supoñían baleiros durante os meses de altas temperaturas, orientados ao sur para gañar luz e calor no inverno.

Aprender, xogar e traballar en condicións de temperaturas extremas e sostidas é preocupante, non só para o benestar e saúde do alumnado, senón tamén do persoal das escolas que desenvolve a súa actividade profesional en condicións laborais de risco. Á parte da deshidratación, insolación ou esgotamento por calor, os nenos con asma ou outras afeccións respiratorias poden experimentar un empeoramento dos seus síntomas durante as ondas de calor. O estrés causado polas altas temperaturas pode provocar irritabilidade, fatiga e malestar xeral que pode influír no seu estado de ánimo e comportamento nas actividades escolares e sociais. A calor extrema nas aulas pode ter efectos no desenvolvemento cognitivo dos nenos, dificultando as tarefas escolares, xa que afecta á concentración e o enfoque, a capacidade para procesar e reter información, o rendemento xeral na aula e académico dos nenos. Hai estudos que indicaron que, durante as horas máis quentes do día, as altas temperaturas poden afectar á función cognitiva, incluíndo a memoria de traballo, a toma de decisións e a execución de tarefas complexas” explica Noelia Martínez.   

“Son moitas as queixas que nos fixeron chegar alumnos e profesores de diferentes centros educativos de Arteixo, que ademais levan xa varios anos demandando melloras, planificación e investir recursos en medidas efectivas e sostibles para mitigar os efectos das ondas de calor nos seus centros. As diferentes administracións competentes, responsables e titulares dos edificios públicos onde se sitúan os centros educativos deben tomar medidas con carácter urxente” matiza a concelleira

Comparte éste artículo
No hay comentarios