A Xunta conmemora o día do libro na biblioteca provincial de Lugo cunha variada programación cultural

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación dunha mesa redonda que se celebrará o día 28 sobre a Marquesa de Parabere, autora da Enciclopedia Culinaria de 1933.

A Xunta de Galicia celebra na Biblioteca Provincial de Lugo o Día do Libro, que se conmemora mañá día 23, cunha variada programación cultural para todos os públicos, de acceso libre e gratuíto, que se desenvolverá ata final de mes. Inclúe unha mesa redonda sobre a figura da Marquesa de Parabere, experta en gastronomía e autora de famosos receitarios na primeira metade do pasado século. 

Este encontro foi presentado hoxe na Delegación Territorial polo delegado, Javier Arias;  a directora da Biblioteca, María Isabel Pérez Fórneas; a axente literaria Déborah Albardonedo e o chef Santi Almuiña, xefe de cociña do Mesón Colón de Nadela (Lugo).   Celebrarase o luns  28 ás 20.00 horas no salón de actos do centro, e contará ademais coa intervención do escritor lucense Francisco Narla e o chef Luis Veira, do establecemento Árbore da Veira (A Coruña), distinguido cunha estrela Michelín.

Albardonedo e Narla son coordinadores do libro “Homenaje a la Marquesa de Parabere” -publicado por Planeta Gastro no 2019-, no que colaboran, entre outros, os citados cociñeiros. Ao evento foron convidados expresamente restauradores lucenses así como o profesorado e alumnado do IES Sanxillao das especialidades relacionadas coa hostalería.  

María Mestayer, nacida en Bilbao, escribiu baixo pseudónimo -primeiro como Maritxu e despois como Marquesa de Parabere- varias obras gastronómicas entre as que destaca a   Enciclopedia Culinaria, publicada no 1933. Ademais, foi unha muller emprendedora que abriu o seu primeiro restaurante en Madrid no ano 1936.

Outras citas

Na propia data do Día do Libro, mañá mércores, a artista colombiana Carolina Rueda  presenta “Gentes, caminos y sucesos” a partir das 20.00 horas no salón de actos. No mesmo auditorio e á mesma hora, os lectores teñen unha cita o venres 25 coa escritora Ivet Núñez, e o mércores 30 con Francisco Narla. Ambos manterán un diálogo co público asistente para explicar aspectos das súas respectivas obras e métodos creativos.

Igualmente, o venres 25 ás 18.00 horas Bea Campos ofrece ao público infantil “Garavanciño”, unha  proposta teatral  con monicreques e cancións baseada nun dos contos clásicos da literatura.

Por último, durante todo o mes de abril permanece na planta da entrada unha mostra bibliográfica que reúne títulos que xiran arredor dos libros na súa versión máis ampla, desde biografías de escritores e ensaios ata películas ou novelas sobre librarías e libreiros.

Comparte éste artículo
No hay comentarios