Os betanceiros visitan o Bosco en horario unificado.
Parece que foi onte cando comezou a competición, cun disputado partido na pista do Culleredo, e a Fase Regular da Tercera FEB chega ao seu remate para o Santo Domingo Betanzos cunha cita, no ourensán pavillón dos Remedios, este sábado ás 19h (horario unificado). As contas son claras. Os de Doc deben gañar e ben perder Xiria ou ben Traumacor Culleredo (aínda que o escenario ideal, para desentenderse do que suceda na Fase de ascenso, onde se poden amortizar arrastres de Segunda FEB, é que perdan ambos os dous). Fose como for, o imperativo do Ineltrón é quedar o máis arriba posible na táboa de cara a eses veráns FEB onde o baile de ascensos, descensos, renuncias e movementos de despacho, fan que non sexa irrelevante ocupar unha praza ou outra, mesmo no tramo que marca por bases a perda de categoría. O primeiro, gañar a Bosco. E os ourensáns, descendidos hai varias xornadas, non van ser un rival doado, precisamente por iso. Sen presións de ningún tipo, coa idea de despedir a temporada do mellor modo posible, os de Carlos Osvaldo López intentarán brindar unha vitoria a uns sufridos seareiros que foron testemuña dun ano caracterizado pola inestabilidade na plantilla, con varias fichaxes que non ofreceron o prometido. Así valora o partido Antonio Díaz “Doc”, o adestrador dos betanceiros: “É un equipo con bos xogadores de 1 para 1 e con alas e pivotes de grande envergadura, polo que conter eses 1 para 1 e asegurar o rebote vainos dar moito. Debemos ter a tranquilidade de facer o noso traballo, independentemente do que poida pasar nas outras pistas, e saír por todas”.
Cruzamento previo á Fase Final para os infantís de J. Caamaño Arquitecto
Pero os partidos de “alta voltaxe” da semana do 26-27 de abril non quedan aí, coa cita do primeiro equipo masculino. O infantil de liga galega, dirixido por Toni Seijo, Alberto Caamaño e Carlos Martínez, disputa o seu pase á F4 do campionato nunha eliminatoria previa, a un único encontro, na pista do Balidea Galogrín. O encontro celebrarase o sábado 26 no pavillón municipal de Calo (Teo) e, pola chamada do club local aos seus equipos todos, prevese ben concorrido na bancada.
Outra cita importante é a do Grelo cadete masculino, obrigado a dar a volta a un -30 contra Culleredo no partido de volta de semifinais da Coruña ou, regresando aos equipos sénior, o primeiro lance da fase de ascenso a Segunda da Goleta, que visitará o sábado a pista do ADFRO. As sénior feminino descansan, as júnior de Infor-B xogan o venres nas Mariñas contra Basquet Coruña, as cadetes de Decornaveira contra Arteixo o sábado no Vales e o equipo de Segunda Autonómica recibe a Xinzo o domingo ás 19.15h no Municipal.