O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou esta mañá na xunta local de seguridade extraordinaria que se celebrou no Concello de Lugo e na que se chegou a un acordo no texto do futuro convenio que permitirá a apertura con garantías dos aparcamentos do IES Ollos Grandes e do IES Lucus Augusti -neste caso, unha vez rematen as obras de rehabilitación integral que o Goberno galego está a executar no centro-, fóra do horario lectivo.
O seguinte paso será a sinatura do convenio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o Concello de Lugo, que se poderá formalizar unha vez se realicen os trámites preceptivos por parte das dúas administracións.
Arias lembrou que “a Xunta defendeu dende o primeiro momento a necesidade dun convenio que definise as competencias de cada administración e regulase o exercicio das accións en materia de tráfico e seguridade viaria dentro dos aparcamentos dos institutos permitindo, por exemplo, que a Policía Local se encargue da vixilancia e a denuncia das infraccións que se poidan rexistrar nestes espazos de titularidade autonómica”.
O delegado destacou ademais que a apertura dos aparcamentos dos IES Ollos Grandes e Lucus Augusti suporá “unha mellora importante para a mobilidade en Lugo, paliando a necesidade de prazas para estacionar que se rexistra nesa zona”. En total, poranse a disposición dos veciños e veciñas máis de 60 novas prazas.