Semella inconcebible a falta de profesionalidade e sensibilidade ambiental dalgunhas servizos ou empresas concesionarias de parques e xardíns no que respecta ao trato ao arborado e á fauna silvestre. Si xa é de por si un despropósito absoluto podar as árbores cando acaban de botar as follas novas, os seus impactos se agravan ao coincidir coa tempada de cría das aves. Velaquí un pésimo exemplo en Santiago de Compostela (cruce entre as rúas Frei Rosendo Salvado e Santiago de Chile). Entre as dúas plataformas elevadoras vése unha árbore recén podada cun niño ocupado de pombo torcaz (Columba palumbus).


Nas árbores de parques e rúas da cidade aniñan tamén, entre outras especies, rulas turcas (Streptopelia decaocto), merlos (Turdus merula), tordos visgueiros (Turdus philomelos), verderolos europeos (Chloris chloris), xílgaros europeos (Carduelis carduelis), xiríns europeos (Serinus serinus), pimpíns comúns (Fringilla coelebs) e pegas rabilongas (Pica pica).
Por iso, SGHN ven de dirixirse ao concello de Santiago de Compostela pedíndolle que se deteñan de xeito inmediato tódalas podas de arborado urbán e que se adopten as medidas oportunas para que esta situación non volva a repetirse.