A Xunta colabora coa II Carreira solidaria ‘Donar é Amar’, organizada por Alcer Lugo para o día 1 de xuño

Trátase dunha iniciativa en favor da doazón de órganos que ofrece a posibilidade de participar nunha andaina non competitiva polo adarve da Muralla ou en carreiras infantís, xuvenís e de adultos.

A asociación de loita contra as enfermidades de ril Alcer presentou hoxe na Delegación Territorial da Xunta a carreira solidaria Donar é amar, que se desenvolverá en Lugo o domingo 1 de xuño. A actividade conta coa colaboración da Administración autonómica.

O delegado territorial, Javier Arias, participou no acto xunto coa presidenta e a vicepresidenta da asociación lucense, María José Otero e Angélica Gómez, ademais doutros representantes de entidades colaboradoras. Trátase dunha iniciativa en favor da doazón de órganos que se celebra por segundo ano consecutivo.

O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de maio. Propóñense varias modalidades de participación: unha andaina non competitiva polo adarve da Muralla dirixida a todos os públicos; e carreiras infantís, xuvenís e de adultos. As carreiras están organizadas por categorías, con diferentes distancias e percorridos en función das idades. Os escenarios serán a Muralla e a praza Maior. Tamén hai un dorsal 0 para colaborar sen participar na actividade.

Os dorsais poderán recollerse nas oficinas de Alcer Lugo os días 30 e 31 de maio ou o mesmo día da carreira na carpa habilitada pola organización na zona de saída a partir das 9:00 horas. 

Arias puxo en valor o labor da asociación lucense e este tipo de iniciativas “que veñen reforzar os programas que dende o Goberno galego promovemos tamén para captar doantes de órganos e tecidos, un xesto solidario que contribúe de xeito decisivo a posibilitar a actividade de transplantes nos hospitais galegos e á recuperación de centos de enfermos”.

O Servizo Galego de Saúde realizou 424 transplantes durante o pasado ano, o que supón a maior cifra dende que en 1981 se comezaron a practicar este tipo de intervencións na comunidade e un 28% máis que no 2023, cando se rexistraron 331.




Comparte éste artículo
No hay comentarios