A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou na Coruña a proposta de reforma do Estatuto que defende o BNG para darlle a Galiza a chave dos seus cartos a través dun modelo de concerto económico similar ao que xa teñen o País Vasco e Navarra e que tamén reclama Catalunya.
«Galiza ten que ter a chave dos seus cartos para decidir nós sobre os nosos recursos e decidir como gastalos en función das necesidades dos galegos e as galegas», asegurou nun acto no que estivo acompañada polo portavoz municipal, Francisco Jorquera, e que se enmarca na campaña que o BNG está a facer por todo o País para presentar á sociedade unha proposta que busca dar a Galiza a soberanía fiscal e financeira que precisa. Previamente, a líder do Bloque mantivo un encontro cunha representación dos cooperativistas de Xuxán.
Nun momento crucial, no que está enriba da mesa a negociación sobre o actual modelo de financiamento, Pontón advertiu que Galiza «non pode ser a única nación que quede atrás», polo que agora é o momento de impulsar unha proposta ambiciosa como a que fai o BNG, para recadar no País todos os impostos, ter unha facenda propia e para conseguir que as empresas que teñen a súa actividade aquí tributen tamén aquí.
«Isto vale tamén para as eléctricas, para a banca e para as multinacionais, moitas das que, por riba de usar os nosos recursos naturais, pagan os seus impostos en Madrid», engadiu, nunha chamada a «poñerlle fin a este espolio» tamén a través dun novo modelo de financiamento no que, segundo a proposta nacionalista, Galiza sexa quen faga as contas co Estado e non ao revés, transferíndolle a Madrid o pago dos servizos comúns que preste aquí.
Fronte ao modelo do BNG «sen complexos e desde a confianza no potencial do País», Pontón criticou a falta de ambición e o «servilismo» de Rueda ás directrices que lle marca Génova, conformándose con meros retoques estéticos no actual sistema de financiamento, que fai que Galiza perda cada ano máis de 5.000 millóns de euros.
É por iso que a líder da oposición emprazou o presidente da Xunta a negociar de xeito bilateral co Estado, pensando «Galiza en grande» para, «dunha vez por todas», poder empezar a usar os nosos cartos «a favor de Galiza e a súa xente» en lugar de que sexa Madrid quen decide «por nós e en contra de nós».
A proposta do BNG é deixar a atrás «un traxe vello e estreito que limita as posibilidades de Galiza porque está feito á medida do egoísmo centralista», explicou, subliñando que os datos desmontan a falacia de que Galiza é pobre e vive da solidariedade de Madrid, porque é o Estado quen fai caixa co noso País recadando moito máis do que despois retorna vía investimento e financiamento. Segundo os datos de 2022, o último exercicio liquidado, o Estado aportou a Galiza 10.041 millóns de euros pero recadou 15.385 millóns de euros.
O BNG xa rexistrou no Parlamento unha proposición de lei para reformar o Estatuto co obxectivo de camiñar cara a soberanía fiscal e financeira, abrindo as portas a un sistema de financiamento que implique tres grandes medidas: territorializar o sistema fiscal para lograr a capacidade de recadación e normativa plena; crear unha axencia tributaria propia con capacidade de xestión, recadación, inspección e sanción; e establecer que todas as empresas que traballen no País ou exploten os recursos naturais paguen impostos aquí.