UGT-SP: «Non á mercantilización da educación superior. Defendamos a universidade pública»

UGT Servizos Públicos Ensino Galicia manifesta a súa máis profunda preocupación ante o progresivo proceso de mercantilización da educación superior, derivado do crecemento desmesurado das universidades privadas. Fenómeno que está a provocar unha excesiva proliferación de titulacións que están a competir de xeito desleal coa oferta académica das universidades públicas, poñendo así en risco a súa sostibilidade, prestixio e función social.

A Universidade privada en Galicia supón unha duplicidade innecesaria que ameaza o sistema público

UGT-SP xa o advertiu e mobilizouse activamente para impedir a implantación dunha universidade privada en Galicia, xa que o Sindicato considera que se produce así unha duplicidade innecesaria que supón unha ameaza directa para o sistema universitario público galego. Naquel momento algún dos sindicatos que hoxe alertan sobre este feito non fixeron fronte común en defensa da universidade pública galega, as privadas galegas, non están a operar cos criterios de calidade que se lle presupoñen a unha institución destas características. O persoal docente traballa en condicións precarias e, nalgúns casos, sen a formación suficiente. Os procesos de selección carecen de transparencia e non se axustan aos criterios de excelencia e rigor esixidos nas universidades públicas. As universidades privadas operan orientadas ao beneficio económico de fondos de investimento e entidades financeiras, polo que non xestionan con vocación educativa ou científica.

Regras comúns e cumprimento da LOSU

Por todo isto, UGT-SP esixe igualdade de condicións e regras comúns para todas as universidades. Isto pasa polo mesmo número de alumnos por curso; equiparación nos requisitos de acreditación de titulacións, instalacións e medios; condicións de acceso e contratación docente equivalentes ás esixidas no sistema público; emprego estable e de calidade para todo o persoal docente e investigador; en definitiva, a Administración debe esixir ás universidades privadas o cumprimento dos requisitos establecidos na LOSU, tanto en materia de persoal, como de financiamento e transparencia no acceso.

Financiamento axeitado para a universidade pública e eliminación dos obstáculos normativos

Isto ten que ir parello a un financiamento axeitado para a universidade pública que garanta a calidade docente e investigadora e a eliminación dos obstáculos normativos como a taxa de reposición ou os límites ao incremento da masa salarial. Porque ambos elementos limitan o crecemento e renovación do persoal académico, freando a adaptación das universidades públicas aos actuais desafíos.

Finalmente, UGT-SP insta á Xunta e Goberno central a comprometerse coa defensa, mantemento e fortalecemento da universidade pública, como piar fundamental do dereito á educación, cohesión territorial e desenvolvemento científico e cultural.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios